A CUEVA DEL SOPLAO E A PENÍNSULA DA MAGDALENA, ENTRE OS
DESTINOS TURÍSTICOS ELEXIDOS POLO COLECTIVO FRAGA DAS SAÍMAS DURANTE A SÚA
VISITA A CANTABRIA
Máis de medio cento de persoas veñen
de gozar coa asociación Fraga
das Saímas dunha fin de semana de ocio,
tempo libre e cultura por terras cántabras organizada polo colectivo feminino en colaboración con viaxes Lucus.
O pasado sábado,
7 de xuño, o colectivo de San Andrés de Boimente partiu cara a terras cántabras,
acompañado dun nutrido grupo amantes da aventura. Logo dunha parada en Cudillero, na que os viaxeiras/os
pasearon e disfrutaron da beleza desta pequena vila mariñeira, a expedición
desembarcou en Santillana del Mar para visitar o Museo Nacional de Altamira, Centro para a conservación, investigación
e difusión da Cueva de Altamira, onde tamén tiveron ocasión de coñecer a exposición permanente “Los tiempos de
Altamira” e a Neocueva, unha
réplica artificial case perfecta das covas orixinais. Xa pola tarde, arribaron
en Santander, onde gozaron dunha visita panorámica guiada pola cidade e unha
ruta a pé polo centro, achegándose ao interior
das dúas igrexas que conforman a singular
Catedral da Nosa Señora da
Asunción. Logo deste recorrido polo casco da cidade os excursionistas desprazáronse
ata a Península da Magdalena para
disfrutar da beleza da súa contorna, do Real
Pazo da Magdalena (monumento declarado monumento histórico-artístico no
1982) e dos pingüíns, focas, leóns mariños e patos que alberga o mini ZOO. O grupo clausurou este intenso
e apaixoante día disfrutando dunha espléndida cea servida no hotel Viadero e
paseando pola encantadora vila de Noja.
O Domingo a
mañá, o grupo trasladouse á vila mariñeira de Santoña, onde coñeceron de
primeira man o proceso de limpeza, envasado e comercialización das famosas
anchoas durante a visita a unha das súas fábricas conserveiras tradicionais de
anchoas. A mediodía e cun clima inmellorable o grupo embarcou no Villa-Fuica
para disfrutar durante unha hora da ruta
3 mares. Marismas, Bahía e Acantilados. Antes de abandoar esta vila de
profunda vocación mariñeira, o grupo tivo ocasión de falar co activista francés
pola paz, Joel Butón, o cal recordaba con cariño o seu paso por Viveiro. Joel leva
máis de 14 anos viaxando por todo o continente europeo reclamando a eliminación
das minas antipersoas.
Logo do
xantar o grupo colleu rumbo a Rionansa para adentrarse na Cueva de El Soplao ou tamén coñecida como a Capilla Sixtina da xeoloxía, un excepcional patrimonio de
arqueoloxía mineira de algo máis de 30 kms. de galería, planos inclinados ou
castilletes e onde o grupo de aventureiras/os tiveron unha oportunidade única
para admirar a abundante e complexa diversidade de formacións excéntricas que
atesoura esta cavidade.
Xa de camiño a casa, e antes de despedir ao grupo, a Presidenta da asociación Fraga das Saímas deulles as grazas por acompañar nesta aventura cántabra ao colectivo feminino e a súa confianza amosada na entidade de San Andrés, e prometeu que o colectivo intentaría seguir programando novas viaxes e sorpresas “para todos aqueles e aquelas que gocen acompañándonos na nosa andaina viaxeira”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario