Presentación

Benvidos ao blog da Asociación de Mulleres Rurais de San Andrés de Boimente. Os proxectos desenvoltos por esta asociación, aínda que pequenos, nós os consideramos de enorme interese e moi positivos, dado que estamos comezando a nosa andaina no mundo do asociacionismo e como quen di estamos en pañais, pero sen embargo estamos moi ilusionadas e esperamos que este proxecto común das mulleres da parroquia de San Andrés posto a andar por cinco socias fundadoras, hai apenas dous anos, sexa o principio dun proxecto durareiro no tempo e no corazón de todas as nosas socias.
Benvidas a todas aquelas que pensades que as persoas anónimas tamén podemos contribuír a mellorar e cambiar o noso mundo facendo “pequenas cousas” . Porque os pequenos proxectos as veces son os máis difíciles de sacar adiante, pois na sociedade actual parece que o único que xenera interese é só “o que vende” , “o que da beneficios económicos”.
O traballo feito con ilusión e cariño produce sempre unha enorme satisfacción, e ver a xente con boa disposición fai que unha traballe con máis forza e ganas.

Todas as persoas que estean interesadas en coñecer a nosa Asociación e as nosas actividades poderán seguirnos a través deste Blog. Un espazo que pretendemos serva para darnos a coñecer e para, como non, poder intercambiar experiencias con outras asociacións que teñan interese nos nosos proxectos.

Grazas

Santo André de Boimente, Xaneiro de 2009