28.1.12

CELEBRACIÓN DO Iº ANIVERSARIO DA RESIDENCIA DE MAIORES "GERIATROS-VIVEIRO"

CONVITE DE GERIATROS -VIVEIRO, AO COLECTIVO DE MULLERES "FRAGA DAS SAÍMAS", PARA A ASISTIR Á CELEBRACIÓN DO Iº ANIVERSARIO DA RESIDENCIA DE MAIORES. 

A Directiva do colectivo "Fraga das Saímas" recorda as súas socias que, tal e como xa lles puxera en antecedentes o pasado 21 de xaneiro durante a celebración da súa asemblea xeral anual, o vindeiro sábado 4 de febreiro, a partir das 16.00 horas, terá lugar a celebración do Iº Aniversario da Residencia de Maiores xestionada por Geriatros-Viveiro, á cal temos a honra de estar convidadas as mulleres e socias da entidade "Fraga das Saímas".

Rogamos ás persoas que estean interesadas en asistir a este acto e que aínda non se apuntaron llo comuniquen á nosa presidenta antes do mércores 1 de febreiro. 

Moitas grazas!






26.1.12

XA ESTÁ AQUÍ O IIº BAILE DE FARRAPULGAS!

A Directiva Fraga das Saímas ANUNCIA a todas as súas socias, veciños, amigos e coñecidos que o colectivo de mulleres rurais "Fraga das Saímas" está a organizar a IIª EDICIÓN DO BAILE DE FARRAPULGAS  para celebrar o ENTROIDO-2012. Este gran BAILE vai ter lugar o DOMINGO, 26 DE FEBREIRO  a partir das 17.00 horas. Así pois, xa podedes poñer a traballar esa grande imaxinación que tedes para pensar cal vai ser o disfrace con que nos ides sorprender este ano. Non só haberá música, baile, pinchos e bebidas senón tamén que teremos premios e sorpresas para as máis atrevidas e festeixas.  ESPERÁMOSVOS! APÚNTATE XA.
NON TE ARREPENTIRÁS!

23.1.12

RENOVACIÓN DOS CARGOS DIRECTIVOS DO COLECTIVO "FRAGA DAS SAÍMAS" E APROBACIÓN DO PROGRAMA DE ACTUACIÓNS PARA O 2012


UNANIMIDADE NA VOTACIÓN DA ASEMBLEA DO COLECTIVO “FRAGA DAS SAÍMAS” PARA A ELECCIÓN DA CANDIDATURA Á XUNTA DIRECTIVA, ENCABEZADA  POR FLOR CHAO, E APOIO UNÁNIME AO SEU PROGRAMA DE GOBERNO E DE XESTIÓN.

A asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” ven de celebrar  o sábado, 21 de xaneiro, dúas asembleas xerais no Centro Socio-Cultural que xestiona este colectivo desde o ano 2007.

A partir das 17.30 horas da tarde tivo lugar a Asemblea Xeral Anual Ordinaria, na que as 49 socias asistentes, entre presentes e representadas, aprobaron por unanimidade o informe de xestión e o estado de gastos e ingresos do 2011, Logo de máis dunha hora de exposición pormenorizada, por parte da secretaria, da xestión realizada polas membros da Directiva ao longo do exercicio pasado.

Sen previo descanso, as mulleres do colectivo Fraga das Saímas celebraron deseguido nunha Asemblea Xeral Extraordinaria, con motivo da elección dos cargos da nova directiva para a lexislatura 2012-2016.

A nova Directiva elexida por unanimidade, con 49 votos a favor e ningún en contra, quedou constituída polas seguintes mulleres: Flor Chao (presidenta), Xuxa Rouco (Tesoureira), Gloria (Secretaria), Mª Josefa Rouco (vocal 1ª), Adelina Lorenzo (vocal 2ª).  Antes da votación as candidatas, a través da súa secretaria, declararon ante a asemblea que non estaba nas súas mentes repetir mandato e que tan só aceptaban presentar candidatura por sentido de responsabilidade e de compromiso coas institucións e con aquelas socias que están a apoiar este proxecto colectivo desde a súa posta en marcha.

Logo da elección da nova Directiva, a secretaria expuxo o Programa de actuacións e investimentos para o 2012 e unha vez rematada a súa intervención e tralo apoio unánime, por parte da asemblea, ao Programa de actividades a presidenta quixo recordar ás presentes que o programa de goberno da nova directiva seguiría na mesma liña de traballo e cos mesmos plantexamentos de xestión interna e externa que ata o de agora viña desenvolvendo a anterior Directiva.

Entre as actuacións novidosas aprobadas pola asemblea cabe sinalar: en materia de formación: unhas xornadas técnicas sobre cogumelos, unhas xornadas técnicas sobre eficiencia enerxética e clases de baile de Salón. En materia de actuacións para preservar o noso patrimonio e a posta en valor dos recursos naturais: o Proxecto de “Microtoponimia e o Mapa dos nomes”. (1ª Fase), o Concurso de Fotografía “Fraga das Saímas-2012: “os produtos da nosa Nai Terra” e en materia de fomento do coñecemento sobre o patrimonio natural, histórico e artístico de Galiza e outros territorios, resaltar a aprobación dunha viaxe a Portugal e unha visita guiada ao Parque Experimental da Fundación Sotavento (Xermade) e ao parque natural de Marcelle.

Pasadas as 20.00 horas a presidenta da asociación deu por concluída a 2ª asemblea Xeral Extraordinaria e acto seguido, membros da Directiva ofrecéronlles as socias asistentes unha degustación de churros con chocolate.

16.1.12

PARABÉNS DONA JULIA!



A NOSA SOCIA HONORÍFICA, DONA JULIA VIDAL, CUMPRÍU 102 ANOS.

O pasado sábado, 7 de xaneiro de 2012, a socia honorífica do colectivo "Fraga das Saímas", Dona Julia, celebrou, na súa casa de San Andrés de Boimente, os seus 102 anos en compañía dos seus netos (Luis e a súa esposa, Merche), biznetas (Lorena e Yanira) e a súa nora (Marisa).

Moitos Parabéns!

9.1.12

CONVOCATORIA DE ASEMBLEAS: XERAL ORDINARIA ANUAL E EXTRAORDINARIA DA ASOCIACION DE MULLERES RURAIS “FRAGA DAS SAIMAS”

CONVOCATORIA ASEMBLEAS: ORDINARIA ANUAL E
 EXTRAORDINARIA (ELECCIÓN DA NOVA XUNTA DIRECTIVA)

Estimada socia:

En virtude das facultades que me confire o artigo 15 dos Estatutos da Asociación de mulleres rurais Fraga das Saímas, convócote á ASEMBLEA XERAL ORDINARIA que terá lugar no Centro Social de San Andrés de Boimente, o SABADO, 21 de XANEIRO de 2012, ás 17:00 HORAS en primeira convocatoria e, de ser o caso, ás 17:30 HORAS en segunda convocatoria, e á ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA que terá lugar o mesmo día ás 18.00 horas, en primeira convocatoria e, de ser o caso, ás 18.30 horas para debater e tomar acordos sobre os seguintes asuntos da orde do día:


ORDE DO DÍA DA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

Primeiro: Aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.
Segundo: Dar conta de novas altas de socias e reparto, ás mesmas, de copia dos estatutos da Asociación.
Terceiro: Dar conta do estado de ingresos e gastos do exercicio 2011 e aprobación, se procede, do informe de xestión e do balance económico.
Cuarto: Suxestións e preguntas.


ORDE DO DÍA DA ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA

Primeiro: Presentación de candidaturas á Xunta Directiva da Asociación de Mulleres Rurais “Fraga das Saímas”.
Segundo: Exposición do Programa de goberno e do Plano de actividades e investimentos para o exercicio 2012 de cada unha das candidaturas presentadas.
Terceiro: Elección da Xunta Directiva da Asociación de Mulleres Rurais “Fraga das Saímas” para a lexislatura 2012-2016
Cuarto: Aprobar, se procede, o Programa de actividades e investimentos e o Orzamento anual de ingresos e gastos para o exercicio 2012.



NOTA INFORMATIVA SOBRE A PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS Á XUNTA DIRECTIVA

As candidaturas que desexen participar no proceso electoral, poderán presentar, con data límite o 20 de xaneiro de 2012 ás 20.00 horas, ante a actual Directiva a candidatura oficial, de acordo ao artigo 10 dos estatutos da asociación Fraga das Saímas (ver Anexo I.- “modelo de candidatura” na parte de atrás da presente convocatoria)

Calquera dúbida que necesitedes que se vos aclare ou calquera cuestión que desexedes plantexarnos podedes poñervos en contacto coa Directiva no teléfono: 669 250 948.

Dada a importancia que supón para o futuro da asociación o bo desenvolvemento desta convocatoria agardamos a túa presenza e participación nestas asembleas.


Asdo. Flor Chao Requeijo

Presidenta AMMRR “Fraga das Saímas”





ANEXO I.



MODELO DE CANDIDATURA



DONA____________________________ con DNI___________________, socia Nº___ da entidade ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS “FRAGA DAS SAÍMAS, con CIF: ____________e domicilio social: Morgade, nº 7. CP 27864. San Andrés de Boimente. Concello de Viveiro (Lugo),


EXPÓN QUE:


Primeiro.- con motivo das próximas eleccións das membros á Xunta Directiva da Asociación de Mulleres Rurais “Fraga das Saímas” (Sábado, 21 de xaneiro de 2012), e atendendo ao artigo 10 dos estatutos da Asociación, está interesada en presentar candidatura ás eleccións da Xunta Directiva.

Segundo.- Presenta ante a Xunta Directiva actual, en tempo e forma, a súa candidatura oficial á nova Xunta Directiva, estando composta polas seguintes socias e coa distribución de cargos que a continuación se describe:


 CARGO                       Nº SOCIA                NOME                     DNI                                SINATURA

PRESIDENTA

SECRETARIA

TESOUREIRA

VOGAL 1ª

VOGAL 2ª




En San Andrés de Boimente, _____de _____________ de 2012