25.6.13

CLAUSURA DO PROGRAMA SOCIO-FORMATIVO 2012-2013 "FRAGA DAS SAÍMAS"

O COLECTIVO DE MULLERES “FRAGA DAS SAÍMAS” CLAUSURA A SEXTA EDICIÓN DO SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES SOCIO-FORMATIVAS ( 2012-2013)

O colectivo de mulleres “Fraga das Saímas” ven de celebrar esta fin de semana a clausura dos cursos 2012-2013 do seu Programa de actividades Socio-Formativas.

Un grupo de alumnas da edición 2012-2013 do Programa formativo de Fraga das Saímas desprazáronse ata Penas Agudas (Concello de Xove) para festexar a clausura dos cursos organizados polo colectivo de mulleres de Sto. André de Boimente nos que participaron perto de trinta persoas.

As alumnas disfrutaron dun tradicional xantar no Centro Social de Penas Agudas, no que degustaron os famosos callos de Suso, reputado cociñeiro deste Centro social, ademais de dar boa conta do polbo á feira, tenreira asada, postres, cafés e chupitos.

Logo de pasear e compartir tempo de divertimento, o grupo de alumnas remataron a celebración brindando cun Champorreão no Mesón de O´Val do Naseiro.

Entre os cursos realizados durante a 6º edición do Programa formativo “Fraga das Saímas” cabe destacar o Curso de Cestería Tradicional, impartido polo mestre artesán Óscar Prieto. Contaron tamén as socias cun curso de Compostaxe e Reciclaxe de aceites caseiros, integrados no Proxecto Piloto de Compostaxe Caseira “Fraga das Saímas- 2013” desenvolto por Adega.  Asimesmo, esta edición volveu contar cun taller de manualidades, cuxas  alumnas demostraron gran capacidade de traballo e constancia da man da súa monitora Mercedes.

O colectivo Fraga das Saímas poñerá en marcha, a partir do mes de setembro, a 7ª Edición do seu programa de actividades Socio-formativas, que contará ademais do novo Taller de Manualidades,  cunhas Xornadas Micolóxicas, un Taller sobre limpadores ecolóxicos caseiros e un curso de introdución á Informática e  Internet que está pendente de concretar datas ata que o Concello de Viveiro resolva definitivamente a conexión á internet da Aula Informática do Centro Socio-cultural de Santo André de Boimente, xunto con resto da rede de telecentros do municipio viveirense e que a día de hoxe continua sendo unha incógnita.

A Directiva da asociación expresa a súa satisfación pola boa acollida que tiveron todos os cursos desenvoltos na edición 2012-2013 e agradece ás socias e veciños a súa participación nos mesmos así como a súa contribución a manter un extraordinario clima de cordialidade e complicidade  que reinou durante a celebración dos cursos. A Directiva anima as súas socias e ás veciñas do concello de Viveiro a participar na súa 7ª edición do  Programa Socio-Formativo “Fraga das Saímas”