11.6.13

FIN DE SEMANA EN VIANA DO CASTELO- RÍAS BAIXAS

VIANA DO CASTELO E AS RÍAS BAIXAS FORON ELEXIDAS POLO COLECTIVO “FRAGA DAS SAÍMAS” COMO DESTINO TURÍSTICO PARA DISFRUTAR DUNHA FIN DE SEMANA DE OCIO E TEMPO LIBRE.

 A asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” ven de organizar esta fin de semana unha viaxe a terras portuguesas e as Rías Baixas. Unha das múltiples actividades socio-culturais programadas para o 1º semestre do ano 2013 polo colectivo de mulleres de Santo André de Boimente.

O grupo de viaxeiros do colectivo “Fraga das Saímas”, formado por máis de corenta socias, veciñas e amigos, viaxou con Viajes Lucus durante catro horas ata chegar a Vila Nova de Cerveira, onde fixeron a súa primeira parada para repoñer forzas cun xantar típico portugués. Logo deste descanso visitaron o Castelo de Vila Nova de Cerveira, construído sobre outro derruído no século XV,  pasearon á beira do Minho e “perdéronse” no famoso mercadillo desta tranquila cidade, un dos maiores de toda a península. Xa a tardiña continuaron a ruta ata o alto do monte de Santa Luzia para admirar a beleza da súa famosa Basílica construída a comezos do século XX copiada do Sacré Couer de Montmartre en París. Mais, a pesares de subiren á cúpula da Basílica, a densa néboa impedíulle ao grupo de viaxeiras/os poder gozar da extraordinaria vista  que un día despexado,  desde ali, se pode observar sobre o estuario do río Lima, a cidade e o mar.

Á noite as viaxeiras e viaxeiros achegáronse á Quinta de Santoinho para cear neste famoso e turístico  restaurante rexional, xunto a
outras 1500 persoas, onde foron agasallados cunha sesión de folclore minhoto, unha demostración da malhada, marchas, música para bailar e onde ademais de cear, bailar e divertirse puideron tamén gozar da exposición permanente dunha variada colección de alfaias e utensilios do campo, de tanques, lagares, pías e figuras en granito, de espigueiros origixinarios, dunha adega rexional, de antigas viaturas de transporte, carros de bois e de cabalos, así como de autocarros, automóviles, ou unha locomotora do século XIX, entre outros elementos etnográficos.

O domingo as viaxeiras/os  amenceron nas Rías Baixas, onde visitaron durante a mañá  Sanxenxo, as súas praias e achegáronse ata o seu principal núcleo urbano, a vila mariñeira  de Portonovo, para pasear polas súas rúas, visitar a súa lonxa, a Capela de Santa Catalina e o seu mirador.

Esta fin de semana de ocio e tempo libre clausurárona cunha mariscada, queimada e baile no hotel Galicia Sun.

NOTA Se queredes ver ou descargar máis fotos podedes ir ao Album de fotos de Viajes Lucus 

No hay comentarios: