30.11.12

“FRAGA DAS SAÍMAS” DENUNCIA QUE A SÚA AULA INFORMÁTICA, DA REDE DE TELECENTROS, SEGUE A SUFRIR O APAGÓN DIXITAL

As administracións autonómica e local continuan a manternos no apagón dixital aos veciñas e veciños de parroquias rurais como San Andrés de Boimente, que seguimos sen contar coa axuda das administracións públicas  nin tan se quera para subirnos ao vagón de cola do  tren das novas tecnoloxías, reprocha a presidenta do colectivo de mulleres “Fraga das Saímas”.

O COLECTIVO “FRAGA DAS SAÍMAS” DENUNCIA QUE A SÚA AULA INFORMÁTICA, PERTENCENTE Á REDE DE TELECENTROS, SEGUE NO APAGÓN DIXITAL A PESARES DOS TAN ANUNCIADOS PLANS DE BANDA ANCHA DA XUNTA, O INNOVA-TE DA DEPUTACIÓN DE LUGO E O PEIL-2010  DO CONCELLO DE VIVEIRO.

Alumnas no curso 2007-2008 de informática e móbiles
A Directiva do colectivo “Fraga das Saímas”, logo de vir demandando, desde os dous  últimos anos, do concello de Viveiro e da Deputación de Lugo a súa colaboración para dotar de conexión a internet á Aula informática – pertencente á rede de Telecentros- do Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente, que está a xestionar esta asociación de mulleres rurais desde o ano 2007, lamenta que, a día de hoxe, só obtiveran de ambos organismos o silencio como única resposta ás súas reiteradas peticións e lamenta aínda máis a aparente  falta de interese dos seus responsables de goberno polas demandas lexítimas que lle trasladan con preocupación as veciñas.

A Directiva deste colectivo quere reinvindicar a necesidade de rentabilizar as infraestruturas das redes de Telecentros como o da parroquia de Santo André porque a Rede é unha ferramenta moi necesaria para evitar a despoboación e así o revelan algúns estudos onde se reflexa que un 40% dos cidadáns valora internet como un elemento clave para poder vivir nunha zona determinada, amén de fomentar a implantación de pequenas empresas rurais. E así o recoñecía no ano 2010 o Sr. Gómez Besteiro, Presidente da Deputación de Lugo “internet resulta imprescindible para manter a poboación na zona rural da provincia”  e mesmo a Secretaria Xeral de Modernización da Xunta de Galicia afirmaba “Non se pode falar de sociedade de información se non hai infraestruturas. É un dereito dos cidadáns e unha obriga para nós”. Pero lamentablemente  as/os veciñas/os do noso rural, a pesares destas “declaracións de boas intencións” e os Plans PEIL-2010 do concello de Viveiro, o Innova-TE da Deputación de Lugo e o de Banda ancha da Xunta desenvoltos polas institucións autonómica e local, a día de hoxe, seguen a vivir no apagón dixital.

A Directiva quere recordar que o programa de Telecentros, que naceu co obxecto principal de achegar os beneficios da Sociedade da Información ás poboacións rurais e por outro para contribuír a fomentar o desenvolvemento territorial destas áreas e cuxas actuacións se desenvolveron entre o 2005-2007 nunhas 1.500 poblacións rurais do territorio español , contou cun investimento estimado nuns 24 millóns de euros. Polo que lle parece inconcebible que todo o esforzo económico feito no seu día para a mellora da vida dos veciños do rural non  o aproveiten hoxe as administracións para seguir a traballar nesa mesma liña e no que poderían solicitar, de ser necesario, a implicación e colaboración dos colectivos veciñais.

A Directiva “Fraga das Saímas” lamenta o peche anunciado pola Xunta de Galicia do Centro Comarcal de Viveiro e e quere manifestar o seu agradecemento público ás dúas traballadoras -Ana e Melania- do Centro pola súa dedicación, esforzo e traballo destes anos nos que contribuíron a que artistas e pequenas asociacións como Fraga das Saímas tiveran a oportunidade de dar a coñecer as súas iniciativas socio-culturais e agradécelles a súa contribución ao fomento da cultura en todas as súas expresións e a posta en valor do patrimonio da Mariña e en especial o de Viveiro.

No hay comentarios: