17.9.12

MEDIO CENTO DE PERSOAS GOZARON TURISTEANDO POLAS TERRAS LUCENSES CO COLECTIVO "FRAGA DAS SAÍMAS"

“Turisteando por Terras Lucenses-2012” é un proxecto que puxemos en marcha desde a Asociación de Mulleres “Fraga das Saímas” co obxecto, entre outros, de redescubrir a beleza do noso inmenso patrimonio cultural e histórico, así como para contribuir a poñer en valor a riqueza dos recursos naturais da nosa provincia: destacou a presidenta do colectivo durante o acto de benvida aos 54 participantes nesta primeira viaxe.

MÁIS DE CINCOENTA PERSOAS DISFRUTARON VIAXANDO CO PROXECTO “TURISTEANDO POR TERRAS LUCENSES-2012” QUE PUXO A ANDAR ESTA FIN DE SEMANA O COLECTIVO “FRAGA DAS SAÍMAS”

 A Directiva “Fraga das Saímas” ven de organizar esta fin de semana a primeira viaxe do proxecto Turisteando por Terras Lucenses-2012” que puxo en marcha o colectivo “Fraga das Saímas” co obxecto de redescubrir a beleza do patrimonio cultural e histórico, así como para contribuír a poñer en valor a riqueza dos recursos naturais da provincia lucense.

Nesta viaxe os 54 participantes partiron de Santo André de Boimente, ás 8.00 horas do sábado 15 de setembro, desprazándose ata Castro de Rei para visitar o Castro de Viladonga e o seu extraordinario Museo onde, á súa chegada, lles proxectaron un audivisual introdutorio e moi didáctico sobre a  historia do Castro, a cultura castrexa e os habitantes da antiga Viladonga e onde, unha vez visionado o vídeo, os viaxeiros recorreron as diferentes sás do museo contemplando e admirando algunha das pezas máis valiosas descubertas durante as excavacións deste rico xacemento, así como tamén aproveitaron para pasear polas “rúas” do Castro de Viladonga, mentras imaxinaban como fora a vida dos seus antergos, ao mesmo tempo que admiraban a beleza da chaira da Terra Cha desde as súas diferentes elevacións privilexiadas.

Finalizada a visita ao principal Castro da provincia, os viaxeiros atravesaron a comarca da Terra Chá ata chegar á comarca da Serra da Loba (Xermade), co obxecto de visitar o Parque eólico experimental Sotavento e onde, logo de ser recibidos cun chocolate quentado coa axuda da luz solar, foron acompañados polas instalacións do Parque por dous técnicos da Fundación Sotavento, que lles explicaron a montaxe e funcionamento do parque eólico e da sá de ordenadores desde onde se controlan os eólicos do Parque, recibindo tamén unha clase acelerada sobre enerxías renovables e rematando o percorrido, pasadas as 14.00 h da tarde, cunha visita á vivenda-piloto bioclimática e ao interior dun aeroxenerador.

Logo de xantar excelentes produtos da terra  no Restaurante Miño (Outeiro de Rei), o grupo de viaxeiros desprazáronse ata o “Parque Natural de Marcelle”, emprazado a escasos quilómetros de Lugo, onde catro monitores especializados acompañaron durante 3 horas ao grupo do colectivo Fraga das Saímas” polo parque, describíndolles as características dos animais da reserva, así como a flora que rodea este espazo natural, comentando costumes, anécdotas e os problemas de conservación deste parque de  máis de 20 ha. extensión. Os viaxeiros, antes de voltar a Viveiro, aproveitaron para gozar  tamén dunha entretida exposición artística formada por obras realizadas en madeira e pedra distribuídas ao longo e ancho de todo o Parque.

A Directiva agradece aos seus compañeiros de viaxe a súa participación e implicación neste proxecto e aproveita para recordarlles ás súas socias que continuará aberto durante esta semana o prazo de matrícula para inscribirse no Taller de Risoterapia, que está a organizar o colectivo “Fraga das Saímas”, coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, para o vindeiro 29 de setembro no  seu centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente.

No hay comentarios: