14.5.12

ACTOS DESENVOLTOS NA FESTA CULTURAL DAS LETRAS GALEGAS-2012


Cando penso que te fuches /negra sombra que me asombras /ó pé dos meus cabezales /tornas facéndome mofa.... con estes versos de Rosalía de Castro deu comezo á lectura de poemas na Festa das Letras Galegas 2012  a socia do colectivo Fraga das Saímas, Ester Lorenzo. Todo un exemplo de lucidez e vitalidade aos seus 85 anos.
  
 
“FRAGA DAS SAÍMAS” CELEBROU A FESTA DAS LETRAS GALEGAS 2012  COA LECTURA DE POEMAS E A REPRESENTACIÓN TEATRAL DA OBRA DE FRANCISCO PIÑEIRO FUME DE CAROZO .

O colectivo de mulleres “Fraga das Saímas” ven de celebrar este sábado 12 de maio a Festa das Letras Galegas 2012.

O Centro Socio-cultural de Santo André de Boimente acolleu esta fin de semana medio cento de persoas que se achegaron a esta Casa Comunitaria para participar nos actos conmemorativos organizados pola Directiva da Fraga das Saímas con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2012.

 Os actos desta celebración deron comezo ás 20.00 horas co discurso de benvida da Presidenta do colectivo de mulleres Fraga das Saímas no que Flor Chao recordou que o “...Día das Letras Galegas é a grande festa cultural da nosa lingua que ao longo dos últimos 50 anos ven homenaxeando aos coidadores da nosa lingua milenaria, ás creadoras da lingua das nosas avoas e dos nosos fillos, aos amantes da palabra en galego e aos apaixoados desta lingua viva en todos nós...”

Logo de que a Directiva agasallara ao público asistente cun monográfico de poemas e un marcapáxinas,  socias e convidadas a este acto deron lectura a poemas como “Negra sombra” de Rosalía de Castro,  “Follas murchas” de Francisca Herrera, “Está caendo a folla i en min nace a primaveira” de María Mariño  ou “Cando ti volvas” do homenaxeado 2012 Valentín Paz Andrade. Rematado este recital o Colectivo “Fraga das Saímas” quixo agradecer a participación de Ester, Mª Carmen, Yanira, Dolores e ao pequeno Bruno, entre outros, agasallándoos con libros, libretas e gorras.



 
Rematada a lectura de poemas, a compañía de teatro O Bordelo (Cervo), dirixida por Francisco Piñeiro puxo en escea a súa última peza maxistral  Fume de Carozo. Obra que arrancou numerosas risas e grandes aplausos dun público que agradeceu que o autor desta obra autocrítica co actual modelo económico-social pero con grandes doses de humor e tintes cómicos deixara unha porta á esperanza neste mundo de crise que nos envolve a todos.

Esta Representación teatral forma parte do proxecto cultural: Veladas 2012 no Teatro Fraga das Saímas que está a desenvolver este colectivo de mulleres, coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

 O Centro Socio-Cultural pechou as súas portas pasadas as 22.30 horas, logo de rematarse os actos desta festa cultural das Letras Galegas 2012 da Fraga das Saíma, despedíndose dos asistentes ata unha nova edición.