20.4.12

DEMANDA DUN REGULAMENTO MUNICIPAL DA TALA, DEPÓSITO E TRANSPORTE DA MADEIRA NO CONCELLO DE VIVEIRO


“O goberno municipal, e non os veciños, é o que ten que actuar de oficio e esixir responsabilidades ás empresas madeireiras que desenvolven as súas actividades na nosa parroquia con neglixencia e sen respecto algún, nin polos bens públicos (camiños municipais, pistas.)  nin polos particulares (fincas, cerrumes..),  e que están a utilizar os camiños públicos como cargadoiros, provocando a obstaculización do paso dos vehículos, así como estragos nos diferentes bens  con total impunidade”, denuncian membros da Directiva da asociación de mulleres de Santo André de Boimente.

A ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS” RECLÁMALLE AO CONCELLO DE VIVEIRO A REGULACIÓN DAS ACTIVIDADES DE TALA FORESTAL, DEPÓSITO, CARGA E TRANSPORTE DE MADEIRA DENTRO DO SEU TÉRMINO MUNICIPAL.
  
 O colectivo de mulleres “Fraga das Saímas” ven de presentar un escrito no rexistro do concello de Viveiro ao obxecto de solicitarlle ao goberno municipal o desenvolvemento dunha ordenanza municipal reguladora das actividades de tala forestal, depósito, carga e transporte de madeira dentro do municipio de Viveiro.

Logo de ser coñecedoras das queixas de socias, veciños da parroquia e numerosos viandantes polo lamentable estado dos camiños, pistas e outros bens protexibles da parroquia de Santo André de Boimente, como consecuencia das prácticas “pouco responsables e respetuosas” dalgunhas empresas madereiras, e dado o interese e preocupación amosada polo colectivo “Fraga das Saímas” pola xestión das actividades forestais na parroquia de Santo André de Boimente e máis concretamente da tala das súas masas arbóreas, posto que, entre outras cuestións, as zonas forestais e as zonas de uso residencial da comunidade veciñal conviven practicamente na mesma unidade xeográfica e asimesmo a preocupación do colectivo pola protección das persoas, vivendas e instalacións fronte aos posibles incendios forestais que puideran producirse debido á proximidade das plantacións ás edificacións, a orografía e a climatoloxía, a Directiva da asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” considerou necesario trasladar este malestar e preocupación ao goberno viveirense e solicitarlle, entre outros, o desenvolvemento dunha regulación municipal das actividades de tala forestal, depósito, carga e transporte de madeira dentro dos termos municipais de Viveiro co finalidade principal de:
- Garantir a preservación do medio natural e a conservación dos camiños, pistas municipais e demais infraestruturas e fincas anexas aos lugares da tala que poidan ser obxecto de deterioros por causa das operacións de corta de madeira, evitando a súa destrución e o depósito de residuos procedentes das talas, tanto dentro do dominio público como nas fincas particulares.
- Garantir a seguridade e a ordenación do tráfico, evitando a ocupación de vías municipais polas operacións de carga  de madeira, obstaculizando e incluso impedindo o tránsito rodado.
Obrigar ao madeireiro encargado da tala como responsable dos danos ocasionados nos lugares de tala, viais de acceso, instalacións ou demais infraestruturas anexas, á reparación, no prazo de 48 horas dende a tala da madeira, do deterioro producido neles, incluíndo a limpeza, retirada ou eliminación de residuos procedentes da tala e das operacións de carga e almacenamento. E co obxecto de non ser considerados responsables solidarios destes desperfectos os propietarios/as das parcelas sobre as que se realice os labores deberían comunicarlle á administración local o nome da empresa madeireira previamente ao comezo dos traballos de tala da masa arbórea.