7.3.12

CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O COLECTIVO DE MULLERES “FRAGA DAS SAÍMAS” CONMEMORA O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER CUNHA QUEDADA PARA COLABORAR NA MONTAXE DO FOTOMURAL miraNÓS!

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller a Directiva do colectivo “Fraga das Saímas” está a traballar na elaboración dun Mural con rostro de muller, que leva por título: miraNÓS! co obxecto de reivindicar e dignificar o papel que desempeñan as mulleres na economía e na estrutura social e cultural do país e sen as cales non sería posible acadar os logros que a humanidade ata o día de hoxe acadou.
Maruxa Mallo

Neste mural, os rostros das mulleres traballadoras do campo, da sanidade, da educación, do fogar, da hostalería, do pequeno comercio, da xustiza, etc. compartirán espazo e homenaxe con mulleres ilustres galegas que deixaron a súa pegada na historia de Galicia como así deixarán  na historia de Viveiro todas as nosas mulleres por seren as principais protagonistas desta vila.

A Directiva convida a todas as súas socias e veciñas do concello de Viveiro a formar parte deste Mural e para o cal as anima a acudir o xoves, 8 de marzo a partir das 16.00 h. ao Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente co obxecto de prestarse a ser fotografadas por membros do colectivo Fraga das Saímas, ao mesmo tempo que, segundo palabras da presidenta deste colectivo, aproveitaremos para celebrar, todas xuntas, máis de cen anos de loita a prol da igualdade, a paz e o desenvolvemento e para reivindicar, un ano máis e con máis gañas e forzas ca nunca ser mulleres, ser traballadoras, ser iguais ante a lei (eliminando as desigualdades salariais e precariedade dos traballos feminizados e a sobreexplotación, entre outros), participar na toma de decisións en pé de igualdade co home, ter o noso tempo de lecer (a través de servizos públicos de calidade que dean cobertura ás necesidades de coidado de familiares e dos maiores a cargo das nosas mulleres) e decidir sobre a nosa vida (respectando, entre outros, os nosos dereitos sexuais e reprodutivos) como persoas autónomas que somos.

Logo de rematar os traballos de montaxe do mural este quedará exposto no Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente durante tres meses.

No hay comentarios: