17.2.12

"RAÍCES VIVAS" COMEZA A SÚA ANDAINA

O Proxecto "Raíces Vivas" contribuirá a recuperar a memoria colectiva das veciñas e veciños de Santo André de Boimente e preservar para as xeracións futuras os topónimos propios desta parroquia, un dos sinais da nosa identidade colectiva e patrimonio inmaterial da comunidade veciñal, afirmou a presidenta da asociación “Fraga das Saímas”.


“FRAGA DAS SAÍMAS” PON EN MARCHA O PROXECTO “RAÍCES VIVAS” QUE IMPULSARÁ A CREACIÓN DUN FONDO DOCUMENTAL DA MICROTOPONIMIA PROPIA DE SANTO ANDRÉ DE BOIMENTE E DAS XENEALOXÍAS DA PARROQUIA.

A Directiva Fraga das Saímas está a pór en marcha o proxecto “Raíces Vivas” e que vén de ser aprobado pola asemblea xeral da asociación o pasado mes de xaneiro. Un ambicioso proxecto no que a Directiva da asociación de mulleres de Santo André de Boimente pretende conseguir a implicación do maior número posible de socias e veciñanza desta parroquia viveirense, tanto dos que permanecen en Santo André coma dos que xa non viven nela pero si naceron e se criaron nestas terras.

Este proxecto desenvolverase dun xeito paralelo arredor de dous campos de traballos diferenciados pero vinculados estreitamente entre si. Así pois, durante a 1ª fase do proxecto os veciños colaboradores axudarán á recompilación de diversos datos, dentro de cada un dos seguintes campos:


- ÁRBORES XENEALÓXICAS DOS HABITANTES DA PARROQUIA.- recollida dos nomes e a orixe de todos os devanceiros (nais, pais, avós/as, bisavós/as, tataravós/as) que construíron o seu proxecto de vida ao longo dos 41 lugares que conforman a parroquia de Santo André de Boimente e que acolleron a unhas 104 familias durante a primeira metade do século XX.


- MICROTOPONIMIA PROPIA DA PARROQUIA.- recollida dos nomes da toponimia propia de Santo André de Boimente que incluirá, entre outros, os nomes de fincas, labradíos e o tipo de cultivos practicados, prados, camiños, pistas, pasos, curvas, encrucilladas, pedras, fontes, ríos, regatos, pozos, fervenzas, pontes, muíños, casas, capelas, bodegas, cruceiros, petos, marcos, montes, outeiros, cumes, ladeiras, covas, minas, canteiras, etc.

A asociación “Fraga das Saímas” así como é consciente de que a secular explotación dos recursos agrícolas e gandeiros, a dispersión xeográfica da poboación, a abundante e variada flora e fauna, o minifundismo tan propio desta terra e, entre outros, a vontade dos nosos devanceiros de querer nomear cada anaco de terra favoreceu a riqueza toponímica deste país, tamén é consciente de que esta riqueza patrimonial, debido á progresiva desaparición dos nosos modos de vida tradicionais, ao abandono incentivado das actividades do agro e ao esmorecemento das nosas aldeas, está gravemente ameazada.

A Directiva deste colectivo sabe que moitos destes pequenos tesouros, que forman parte do patrimonio inmaterial da nosa xente, están gardados coidadosamente na memoria dos nosos maiores e só eles a través da súa transmisión oral poden devolvelos á vida cotiá, agasallando ás nosas xeracións futuras con miles de minúsculas xoias de incalculable valor. É por isto que desde a Directiva se vén apostando, desde hai tempo, polo desenvolvemento deste ambicioso proxecto e cre que agora é un bo momento para comezar a facelo realidade.

Ao obxecto de favorecer a colaboración dos veciños/as da parroquia a asemblea desta asociación acordou incentivar esta colaboración cunha achega de 10 céntimos de euro por cada topónimo (sen duplicar) perfectamente identificado e recollido nunha ficha de traballo.

 Estas fichas de traballo pódense descargar da páxina documentos deste blog.

Para participar neste proxecto as persoas interesadas en colaborar poderán contactar coa Directiva, ben persoalmente ou ben a través do seu correo electrónico mulleresfragadassaimas@gmail.com





No hay comentarios: