27.2.12

IIº BAILE DE FARRAPULGAS NO CENTRO SOCIO-CULTURAL DE STO. ANDRÉ

O Concurso de disfraces e o sorteo de dez cestas “anticrise” levantaron gran expectación entre as máis de setenta persoas que participaron na despedida de Don Carnaval-2012 celebrada esta fin de semana no Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente.

“FRAGA DAS SAÍMAS” PECHA O ENTROIDO 2012 COA CELEBRACIÓN DO SEU IIº BAILE DE FARRAPULGAS.

A asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” ven de organizar o entroido 2012 coa celebración, por segundo ano consecutivo, do IIº Baile de Farrapulgas no Centro Socio-Cultural da asociación.

O Baile de máscaras e disfraces comezou a partir das cinco da tarde, momento en que empezaron a chegar: damas de época, princesiñas, mariquiñas, chinesas, gheisas, coellos, vacas, soldados, hippies, bruxas, e así ata máis de medio centenar de disfraces.

As mulleres, nenos/as e homes que se atreveron a cambiar a súa rutina diaria e que acudiron disfrazados ao Baile de Farrapulgas desta asociación e demostraron grandes dosis de humor e unha grande capacidade para alegrar a vida dos seus veciños/as coas súas interpretacións e escenificacións propias dos mellores actores e actrices tiveron a oportunidade de participar no IIº Concurso de máscaras e disfraces, organizado pola Directiva da “Fraga das Saímas”.

O fallo dos premios deste Concurso de máscaras e disfraces tivo lugar ás 20.00 da tarde, tendo lugar a esa mesma hora a entrega dos premios nas tres categorías (mulleres, homes e nenos/as) pola Presidenta do colectivo “Fraga das Saímas”. O premio ao disfrace máis divertido, na categoría dos nenos/as, foi para  disfrace de mariquita e para o disfrace de cazador . O resto dos nenos que asistiron disfrazados tamén levaron un agasallo por participar nesta tarde de troula. Na categoría dos homes os premios foron para a disfrace de Home-Floreiro e o soldado cabreado. Na categoría das mulleres os premios leváronnos os disfraces de granxeira, vaca choqueira, gheisa e Carapuchiña vermella. As mulleres gañadoras do Iº Premio ao disfrace máis orixinal e máis divertido entregóuselles unha figura dos Sargadelos.

Cabe sinalar tamén que unha das novidades coas que sorprendeu a Directiva da “Fraga das Saímas” ao público asistente  foi co sorteo sorpresa de 10 cestiñas anticrise que, entre peza e peza, a Directiva foi sorteando entre os setenta e cinco veciños presentes.

Durante a tarde-noite deste 26 de febreiro, tanto os concursantes como os seus acompañantes e convidadas/os asistentes a esta festa veciñal bailaron ao ritmo da música do popular Dúo viveirense “Aguamarina” e disfrutaron dun catering servido polo Mesón O`Imperial e das roscas e torrixas feitas polas voluntariosas Olimpia e Flor.

O Baile das Farrapulgas despedíuse de Don Carnaval-2012 pasadas as 22.00 horas e expresou o seu desexo de atoparse nunha vindeira edición con todas as sras. Máscaras e sres. Disfraces viveirenses.

A Directiva agradece a participación dos asistentes e quere felicitar publicamente e de xeito moi especial a todas aquelas socias e amigas que cos seus disfraces, a súa alegría, o seu sentido do humor e o seu inmenso cariño pola asociación fixeron posible que esta festa fora un éxito. Grazas en nome da Directiva "Fraga das Saímas". Vémonos na seguinte!

No hay comentarios: