3.10.11

PRESENTACIÓN DO LIBRO-CATÁLOGO "O ESPELLO DAS LEMBRANZAS"

ANTÓN VEIGA, VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO, XUNTO A UN CENTENAR DE  VECIÑAS/OS E CONVIDADOS, ASISTÍU Á PRESENTACIÓN DO LIBRO-CATÁLOGO "O ESPELLO DAS LEMBRANZAS" EDITADO POLO COLECTIVO "FRAGA DAS SAÍMAS"

O Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente acolleu esta fin de semana o ACTO DE PRESENTACIÓN DO LIBRO-CATÁLOGO "O ESPELLO DAS LEMBRANZAS" editado pola Asociación de mulleres rurais "Fraga das Saímas" e cuxa organización correu a cargo da Directiva do propio Colectivo.

Este acto comezou ás 18.30 horas coa Benvida da Secretaria da Asociación, nun salón de actos abarrotado de veciños, de socias do colectivo Fraga das Saímas, de amigos convidados e inclusive, para sorpresa das membros da organización,  dalgún que outro espontáneo que  decidiu pola súa conta sumarse a este acto.

Entre as autoridades que foron convidadas e que asistiron a este acto atopábase o Sr. Vicepresidente Primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Antón Veiga e a Sra. Concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Viveiro, Olaia Casas. Por outro lado  a Sra. Concelleira de Servizos Sociais do Concello de Viveiro, Isabel Rodríguez disculpou a súa asistencia debido a motivos de axenda.

A Presentación do libro "O espello das Lembranzas" estivo a cargo de Flor Chao, presidenta e alma máter do colectivo "Fraga das Saímas",  que aproveitou a súa intervención para agradecer publicamente o apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, o esforzo dos veciños da parroquia e a colaboración das súas socias. Durante o seu discurso, Flor resaltou que  "..as historias da xente corrente como son as protagonistas do catálogo O Espello das Lembranzas forman parte dos milleiros de espellos que reflexan a verdadeira historia do noso país. Un país de xente loitadora, traballadora e por riba das calamidades e das dificultades dunha dura realidade coa que se viron obrigados a convivir día tras día, sempre valentes e optimistas..." . Asimesmo e durante outro momento da presentación  deste primeiro e único libro que recupera a memoria e a historia das veciñas e veciños da parroquia de San Andrés, a Presidenta explicou que  ás fotografías, fragmentos conmovedores do noso pasado e da nosa propia historia, acompáñanas uns textos ilustrativos do que foi a vida durante esas décadas nesta parroquia. Pero ademais non queríamos deixar pasar a oportunidade que este volume nos brindaba de recoller, aínda que só fose superficialmente, xunto coas imaxes e os seus comentarios pertinentes, todo o que existira con forza e entidade propia: ritos agrogandeiros, costumes, lecer, hábitos, a forma de falar, etc...toda unha cultura que foi antano a razón da idiosincrasia desta comunidade durante moitos lustros.

O acto foi clausurado polo Sr. Vicepresidente da Deputación provincial de Lugo, o Sr. Veiga, que alabou o traballo socio-cultural que estaba a realizar o colectivo "Fraga das Saímas" e animou as súas socias a  poñer en marcha proxectos coma o recén finalizado O Espello das Lembranzas.

Rematada a presentación deste libro-catálogo, os asistentes gozaron coa música e as cancións de Mini e Mero e os máis animados cantaron cos fundadores e compoñentes do grupo Quenlla, dúas das figuras máis relevantes no campo da investigación da música tradicional galega.

Logo de finalizado o recital musical, todos os asistentes foron convidados á degustación duns petiscos e dun viño galego. 

O acto finalizou pasadas as 21.00 h. logo de que a Directiva repartira entre os veciños de San Andrés asistentes a esta presentación,  máis de 70 exemplares.

Durante as vindeiras semanas todas as socias, as veciñas e veciños da parroquia de San Andrés, residentes e non residentes na parroquia e persoas con lazos familiares en San Andrés poderán solicitar un exemplar á Directiva en tanto o número de exemplares non se esgote.

Esperamos que este proxecto fora do interese e agrado de todas e todos, fundamentalmente das nosas socias  e veciños de San Andrés de Boimente.








No hay comentarios: