4.10.11

CASETAS NOVAS PARA A PARROQUIA DE SANTO ANDRÉ DE BOIMENTE

AS VECIÑAS E VECIÑOS DE SANTO ANDRÉ DE BOIMENTE VEÑEN DE ESTREAR RECENTEMENTE AS NOVAS CASETAS.

Logo de que no mes de maio foran retiradas, polo concello de Viveiro, as dúas vellas e deterioradas marquesinas existentes na parroquia de Santo André de Boimente para sustituílas por dúas novas a través do Plan provincial de marquesinas da Deputación de Lugo, as veciñas e veciños desta parroquia están de noraboa trala instalación, polos servizos municipais do Concello de Viveiro, das novas casetas  á beira da estrada LU-161, ao seu paso polos barrios de Abuín e Boimente.

No mes de agosto a AMRR "Fraga das Saímas" presentara no Concello de Viveiro un escrito na que demandaba ao goberno municipal, entre outros equipamentos e servizos, axilizar a reposición destas casetas. 

Como veciños responsables que somos todas e todos, a Asociación "Fraga das Saímas" convida a toda a comunidade veciñal a facer bo uso deste equipamento colectivo e de todos e propón que a partir de agora intentemos cuidalo e conservalo nas melloras condicións posibles, evitando entre outras cousas pegar carteis nelas.

Igual que no seu día demandamos oficial e publicamente ao concello unha serie de servizos básicos  para a nosa comunidade, moitos dos cales aínda continuamos sen eles, tamén agora queremos mostrar publicamente a nosa satisfación  pola colocación destas casetas e o recoñecemento  ao concello de Viveiro e a Deputación provincial de Lugo por "un traballo" ben feito.

Esperamos asimesmo que as restantes reinvidicacións feitas, polo colectivo Fraga das Saímas, e tan necesarias para a parroquia (restauración das fontes veciñais, conexión a internet vía Wimax, mantemento de pistas, aglomerado do aparcadoiro do Centro Socio-Cultural...) non as deixe caer o goberno municipal en saco roto.