31.8.11

"FRAGA DAS SAÍMAS" RECLAMA AO CONCELLO DE VIVEIRO SERVIZOS BÁSICOS PARA A PARROQUIA DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE

"Fraga das Saímas" espera do concello de Viveiro unha xestión áxil que atenda as necesidades e  carencias na prestación de servizos básicos que veñen sufrindo as veciñas e veciños da parroquia de San Andrés de Boimente.  


O COLECTIVO DE MULLERES “FRAGA DAS SAÍMAS” DEMANDA AO CONCELLO DE VIVEIRO A PRESTACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS MUNICIPAIS BÁSICOS PARA A MELLORA DAS CONDICIÓNS DE VIDA DAS VECIÑAS E VECIÑOS DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE



A asociación de Mulleres Rurais "Fraga das Saímas" trasladoulle, a comezos do mês de agosto, ao concello de Viveiro algunha das necesidades da súa parroquia e as carencias na prestación de servizos básicos que están a sufrir as súas veciñas e veciños de Santo André de Boimente

O colectivo “Fraga das Saímas”, a través dun escrito presentado pola súa Presidenta, reclama do Concello de Viveiro a prestación dalgúns servizos públicos municipais básicos e dotación de equipamentos “mínimos”, demandados en diferentes ocasións pola comunidade veciñal da parroquia de San Andrés de Boimente. Entre algunha das demandas que recolle o escrito cabe destacar as seguintes:
- Rehabilitación das fontes públicas de Boimente, Morgade, Abuín e a Igrexa.
- Reposición das casetas vellas retiradas no mes de maio e pendentes de instalar as novas a día de hoxe.
- Dotar de conexión a internet (vía Wifi/Wimax) o Centro Socio-Cultural da parroquia. Esta conexión, que está pendente desde hai máis dun ano, é a única “porta dixital” coa que contaría a comunidade veciñal.
- Mantemento de pistas e aglomerado do aparcadoiro do Centro Socio-Cultural da parroquia. Obra esta última pendente, logo de facerse cargo a asociación de mulleres dos traballos de acondicionamento deste aparcadoiro e anexo.
- Dotación dun contedor de vidro e outro de papel e tres expositores publicitários.

A entidade entende que a pesares de ser unha parroquia que conta cun número de habitantes reducido, debido á perda de poboación no rural pola falla de oportunidades así como pola carencia de servizos básicos, e onde ademais a maioría das veciñas/os superan os 65 anos, o concello ten a obriga legal e moral de atender as súas necesidades coa mesma premura e efectividade coa que resolve as  do resto da cidadanía viveirense.

Desde o colectivo  “Fraga das Saímas” están convencidas de que os servizos “mínimos” demandados e dos que carece a súa parroquia  se lles atopará unha solución a curto prazo e con baixo custo económico para o concello e os seus veciños, posto que cren que o concello de Viveiro e o seu goberno municipal terán a vontade e a capacidade de traballo necesarias para xestionar os servizos públicos municipais e poñelos a disposición de toda a súa comunidade veciñal.


No hay comentarios: