Contribuír a garantir o respecto e a conservación dos ecosistemas naturais, a través de proxectos socio-educativos como é nesta ocasión a Exposición Fotográfica sobre a Fraga das Saímas, é un dos obxectivos que sempre teñen presente desde a Asociación de mulleres Rurais da parroquia de Santo André de Boimente.

A exposición compóñena 30 fotografías seleccionadas entre as participantes do Iº Concurso de Fotografía sobre a Fraga das Saimas, un vídeo coa reprodución das 52 fotografías presentadas a este concurso e un catálogo da exposición que recolle as 30 fotografías expostas.
Esta exposición poderá ser visitada polo público desde o sábado 25 de xuño ata o sábado 9 de xullo de 2011, en horario de 10.00 h. a 14.00 h polas mañáns e de 18.00 h ás 20.00 h. polas tardes, de luns a venres. Os sábados poderase visitar de 12.00 h. ás 14.00 h.
As cincuenta primeiras persoas que visiten esta exposición terán a oportunidade de levarse como recordo un dos 50 catálogos da exposición deseñados para esta ocasión.
A Directiva anima a visitar esta exposición fotográfica a todas as persoas que non tiveron oportunidade de admirar esta pequena pero excepcional mostra dun dos nosos máis preciados patrimonios. Mostra coa que a Directiva deste colectivo de mulleres pretende fomentar o coñecemento e o gozo desta paraxe natural entre a poboación do concello e os visitantes que se achegan a este municipio, así como promover o respecto e o coidado do noso patrimonio natural, contribuíndo con isto a concienciar á cidadanía da necesidade de reclamar un cambio de xestión dos sistemas forestais para erradicar a degradación dos nosos montes e garantir a conservación dos ecosistemas naturais.
Por último, A Directiva quere expresar publicamente o seu agradecemento ao persoal do Centro Comarcal da Mariña Occidental (Ana e Melania) pola súa inestimábel colaboración e implicación neste proxecto desde o seu comezo, o cal non sería posible se elas non fixeran un excepcional traballo de información, divulgación e recepción dos traballos presentados ao Concurso fotográfico sobre a Fraga das Saímas e que deu como resultado final esta novidosa exposición-homenaxe ao noso Patrimonio Natural.
No hay comentarios:
Publicar un comentario