9.3.11

Iº BAILE DE FARRAPULGAS "FRAGA DAS SAÍMAS".


As socias gañadoras do concurso de disfraces celebrado durante o “Iº Baile de Farrapulgas” foron premiadas pola asociación Fraga das Saímas cunha cea-baile que terá lugar o vindeiro sábado 12 de marzo no restaurante Louzao con motivo da celebración do Día Internacional da Muller.

“FRAGA DAS SAÍMAS” CELEBRA O SEU Iº BAILE DE FARRAPULGAS COA PARTICIPACIÓN DE MÁIS DE SESENTA DISFRACES E MÁSCARAS.

En Santo André de Boimente, 8 de marzo de 2011.-  A asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” ven de celebrar por primeira vez o seu entroido, “logo de máis de 55 anos desaparecidas da parroquia de Santo André de Boimente as clásicas máscaras do noso rural que acudían ao Baile do domingo de Lardeiro, no Salón de Boimente, e as pandas de carnavaliños que percorrían as nosas aldeas de casa en casa alegrando os fogares das nosas veciñas e veciños” según palabras pronunciadas pola presidenta deste colectivo durante o acto de presentación do Iª Baile de Farrapulgas.

O Baile, celebrado o domingo 6 de marzo, deu comezo a partir das seis da tarde, momento en que empezaron a chegar: indias, pescadores, mises, damas de época, diaños, monxas, paiasos, bebés, príncipes, elefantiños, paxaros e así ata máis de sesenta disfraces.

As Mulleres, nenos e homes que decidiron aparcar a rutina diaria e asistir a esta festividade con moito humor e grandes doses de inxenio, convertíndose en persoa, animal ou cousa que lles deu a real gana participaron nun concurso de disfraces, onde a directiva, axudada por 10 persoas do público asistente, elixiron por categorías (mulleres, homes e nenos) os disfraces máis orixinais e máis divertidos.

Pero antes das votacións aos mellores disfraces as máis de setenta persoas presentes nesta festividade gozaron do baile amenizado polo Dúo Suso das Pontes e aproveitaron para degustar produtos típicos do entroido elaborados polas mulleres da asociación Fraga das Saímas. Así pois, os asistentes a este evento degustaron fereixós, roscas, orellas, chirivicos e tamén, entre outros, petiscos de tortillas, queixo e chistorra.

Este Iº Baile clausurouse coa entrega dos premios do Concurso de disfraces nas tres categorías. O premio ao disfrace máis divertido, na categoría dos nenos/as, foi para Bianca, que acudiu ao baile cun simpático disfrace de galiña e o premio ao disfrace máis orixinal foi para Bruno cun disfrace de duende verde. Todos os nenos presentes tamén levaron un agasallo por participar nesta tarde de festa. Na categoría dos homes foi Manolo, que ía de hippy, o que levou o premio ao disfrace máis orixinal e Xuxo de Cabanas, que ía de bebé, o que se alzou co premio ao disfrace máis simpático. Premios estes últimos, por certo, pensados en clave de humor e típicos destes tempos de carnaval. Na categoría das mulleres os premios aos disfraces mais divertidos foron para as irmás Eva, Dolores e Mª Carmen e a veciña dos Leás Marisa, todas elas con disfraces de Paiasas e os premios aos disfraces máis orixinais na categoría das mulleres foi para Clarisa, que ía de máscara representando á Primavera e para as irmás Inés e Luisa cunha posta en escea moi orixinal dos famosos persoaxes Mucha e Nucha. As mulleres gañadoras deste concurso foron premiadas pola asociación cunha cea-baile que que terá lugar o vindeiro sábado 12 de marzo no restaurante Louzao con motivo da celebración do Día Internacional da Muller

No hay comentarios: