11.1.10

CELEBRACIÓN DO FESTIVAL DE NADAL-2009


A ACTUACIÓN MAXISTRAL DOS VIOLINISTAS DA ORQUESTRA SOLISTAS DE GALICIA “MIJAIL MORIATOV” CAUTIVOU O CORAZÓN DO PÚBLICO ASISTENTE AO Iº CONCERTO DE NADAL “FRAGA DAS SAÍMAS”


O sábado 19 de decembro a Asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” puxo como broche de ouro a súa programación anual-2009 a celebración do seu II Festival de Nadal-2009.


Esta IIª edición do Festival de Nadal-2009, que comezou a partir das 18:30 horas no Centro Socio-Cultural, tivo como acto central a celebración do Iº Concerto de Nadal “Fraga das Saímas” a cargo do Mestre Don Mijail Moriatov, un dos violinistas de maior proxección e prestixio residente no noso país, acompañado dun dos excelentes violinistas da súa Orquestra Solistas de Galicia. A actuación estelar destes dous virtuosos do violín e a maxia da súa música cautivaron o corazón dun público entregado e que asistíu con gran expectación, e por primeira vez nesta pequena parroquia, a este concerto de música clásica.

Mijail e Cláudio interpretaron durante a primeira parte do concerto pezas do seu último CD “Música Mundi”, deleitando a un auditório de máis de cen persoas con pezas tan coñecidas como o Ave Maria de Schubert, Danza Húngara nº 5 de J.Brahms, Tango “por unha cabeza” de C. Gardel. Durante a segunda parte deste recital musical, e mentras a temperatura no exterior seguía a baixar perigosamente, os asistentes deixábanse ir ao son da música popular rusa e galega: Ojos negros, Kalinka e Negra Sombra foron algúns dos fragmentos de pezas que os dous violinistas tocaron durante a segunda parte do concerto. E como non podía ser doutra forma nesta época tan especial os dous virtuosos do violín, e tras hora e media de actuación, despedíronse tocando panxoliñas tan clásicas como é a Noite de Paz.

Concluído este excepcional concerto, que tardarán en olvidar os veciños e convidados de San Andrés de Boimente, as máis de 100 persoas que decidiron compartir e festexar o peche e o comezo dun aninovo coa Asociación de MMRR e que se atreveron a saír das súas casas a pesar do temporal de frío e neve que envolveu todo o país foron recompensados cunha cea de confraternidade que comezou ás 21.00 h. e na cal se ofreceu un catering servido polo Mesón O Imperial.

Durante a cea a Presidenta da Asociación “Fraga das Saímas”, Flor Chao, aproveitou para felicitar, en nome da Directiva, as festas de Nadal e expresar os mellores desexos para o 2010 a todas as súas socias e á comunidade veciñal. Durante a súa intervención agradeceu o esforzo e traballo das membros da Directiva que en palabras da Presidenta sempre traballa en aras de poder satisfacer o interese das súas asociadas e veciños así como tamén sempre está a procura de máis e mellores iniciativas co fin de fomentar a participación veciñal e a promoción da nosa parroquia, e nesta liña quixeramos, se os ânimos non nos abandonan, continuar durante o ano 2010.


Durante os postres a directiva efectuou un sorteo gratuíto, entre as súas socias, de 50 agasallos, para a continuación e previa venda de boletos, proceder ao sorteo de tres espléndidas cestas navideñas. Nesta ocasión a diosa fortuna agasallou a Mônica Chao coa 1ª cesta e a Dolores Díaz e a Jesús Angel Chao coa 2ª e 3ª cesta respectivamente. Tampouco se olvidou a Directiva dos máis pequenos desta festa navideña posto que tamén recibiron o seu regalo de nadal.


Este evento rematou ás 2:00 da madrugada, onde os amantes do baile e da música disfrutaron coa actuación do Grupo Dúo Suso (As Pontes).



No hay comentarios: