3.8.09

XORNADAS SAUDABLES NO RURAL


A ASOCIACIÓN FRAGA DAS SAÍMAS PARTICIPA NUNHAS XORNADAS SOBRE ALIMENTACIÓN E ANÁLISE DA DIETA E COMPOSICIÓN CORPORAL IMPARTIDAS POLO CONCELLO DE VIVEIRO.


Socias e veciños de San Andrés acudiron o pasado xoves a unhas xornadas sobre saúde impartidas no Centro Socio-Cultural da parroquia por dous técnicos do concello de Viveiro. Estas xornadas celebráronse ao longo da tarde do día 30 de xullo en horario de 16:00 a 20:00 horas.

A Directiva acordou promover esta iniciativa do concello porque considera moi interesante que este tipo de charlas se poidan dar aos veciñas e veciños das pequenas vilas do país, que se caracterizan a gran maioría por ter unha poboación envellecida e con persoas maiores vivindo sóas e sen un control da súa dieta alimentaria, como é o caso da parroquia de San Andrés de Boimente.

É importante, para que a saúde dos nosos maiores e polo tanto a súa calidade de vida non se vexa mermada, ter a oportunidade de recibir, por parte de especialistas, e sen saír da casa (como quen se di) aquelas pautas que se deben seguir para unha boa alimentación. Tema que se tratou o pasado xoves, entre outros, ademais de aproveitar os técnicos do concello para facerlles ás participantes unha ficha individual sobre a súa composición corporal
e así poder presentarlles unha análise da dieta que están a seguir actualmente e que hábitos deberían cambiar ou mellorar na súa alimentación e no facer de cada día (horarios das comidas, facer exercicio, etc.)

A experiencia foi moi positiva e os asistentes amosáronse moi contentos con estas xornadas, polo que se está pensando en repetir esta experiencia alá polo mes de outubro sempre e cando os técnicos do concello estean dispoñibles.