1.6.09

RUTA POLA RIBEIRA SACRA


AS MULLERES DA ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS” VIAXAN Á RIBEIRA SACRA PARA ACHEGARSE A UN DOS MÁIS ESPECTACULARES PARAÍSOS NATURAIS: OS CANÓNS DO SIL.

En San Andrés de Boimente, 1 de xuño de 2009.- As mulleres da Asociación “Fraga das Saímas” e a súas familias descubriron os segredos do cultivo dos famosos viños de Amandi e gozaron dunhas espectaculares paisaxes, navegando polos Canóns do Sil, onde foron testemuñas das obras que Roma levou a cabo en Galicia contemplando as incribles terrazas de viñedos nas paredes dos Canóns.
O sábado 30 de maio as mulleres da Asociación Fraga das Saímas desprazáronse ata a Ribeira Sacra, terra singular de paisaxes espectaculares, para descubrir e admirar a súa riqueza monumental e paisaxística. A visita comezou no embarcadoiro de Doade (concello de Sober), onde navegaron durante dúas horas polos Canóns do Sil, atravesando vales dun verde impresionante e onde contemplaron os espectaculares bancales de viñedos “colgados” das paredes dos canóns e albiscaron o que foi o 2º mosteiro máis importante de toda a Ribeira Sacra, o mosteiro de Sta. Cristina. De volta a Doade visitaron unha das adegas máis importantes da zona, onde tiveron ocasión, da man dunha guía, de descubrir o proceso de elaboración dos viños de Amandi da adega Regina viarum situada no corazón da Ribeira Sacra. Durante o xantar (Restaurante A Cantina) puideron comprobar porque esta terra é coñecida pola súa gastronomía. Tampouco deixaron de visitar un dos moitos miradoiros cos que conta esta zona, achegándose ata o Miradoiro do Duque desde onde puideron admirar a beleza dos canóns e divisar o Castelo de Castro Caldelas. Por último e como non podía ser doutro xeito fixeron unha parada na capital da Ribeira Sacra (Monforte) para visitar o chamado Escorial Galego, é dicir o Colexio da nosa Señora da Antiga, onde un dos padres escolapios explicoulles a historia do conxunto monumental e onde tiveron a ocasión de admirar as obras do Greco e de Andréa del Sarto que alberga a súa pinacoteca.
Nesta viaxe pola Ribeira Sacra, onde participaron 55 socias e familiares, acompañounas tamén Alexis Amigo, o neno gañador do 1º premio do Concurso de debuxo e pintura “Descubre a nosa Fraga das Saímas” que fora organizado por esta Asociación con motivo do Día Internacional da árbore.

No hay comentarios: