8.6.09

RUTA POLA FRAGA DAS SAÍMAS



MEMBROS DA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS” ACOMPAÑAN AOS NENOS DA APA DO CEIP DE COVAS NUNHA VISITA GUIADA POLA FRAGA DAS SAÍMAS.



San Andrés de Boimente a 8 de xuño de 2009. O domingo 7 de xuño as nenas e nenos da APA do CEIP de Covas, xunto cos seus familiares, visitaron por primeira vez a Fraga das Saímas acompañados da directiva da Asociación de Mulleres Rurais Fraga das Saímas.

Máis de 50 persoas, entre nenos e familiares desprazándose ata a parroquia de San Andrés para facer unha ruta pola Fraga das Saímas co obxecto de gozar dunha “Xornada de Convivencia”, organizada pola APA do CEIP de Covas, así como para coñecer esta fermosa paraxe (tan próxima como descoñecida por moitos dos veciños do concello de Viveiro).

Durante esta visita estiveron acompañados por membros da Directiva da asociación de mulleres “Fraga das Saímas”, que se prestaron a facer de anfitrionas e guías deste grupo de nenos e aos que agasallaron cunha Unidade Didáctica sobre a Fraga das Saímas.

A visita, que durou dúas horas, comezou ás 11:30 na explanada do Candaoso para, a partir de alí, adentrarse na Fraga, onde os nenos descubriron e gozaron durante esta primeira camiñata dun espectáculo de cores e da fermosura das árbores, prantas, froitos e vexetación propios desta Fraga.

De volta ao Candaoso os nenos e os seus familiares fixeron unha parada para repoñer forzas cuns aperitivos e onde a directiva da APA do CEIP aproveitaron para facer acto de entrega a presidenta da Asociación, Flor Chao, duns presentes como mostra de agradecemento pola colaboración da Asociación.

Esta xornada rematárona no Centro Socio-Cultural de San Andrés, onde visitaron a exposición do “I Concurso de Debuxo e Pintura: Descubre a nosa Fraga das Saímas”, entre os que se atopaban dous debuxos finalistas de alumnos do colexio de Covas que se presentaran a este concurso dentro da Modalidade Libre. Esta exposición fora organizada pola Asociación de Mulleres Rurais, en colaboración cos Centros de Ensino de Galdo, Viveiro e Celeiro, con motivo do Día Internacional da Árbore.

No hay comentarios: