1.7.09

RAPA DAS BESTAS DO CURRO DE CANDAOSO






ESTA FIN DE SEMANA O CURRO DE CANDAOSO (NA PARROQUIA DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE-VIVEIRO) ACOLLE UN ANO MÁIS A CELEBRACIÓN DA RAPA DAS BESTAS




San Andrés de Boimente, 1 de xullo de 2009. Esta fin de semana os veciños do concello de Viveiro e os numerosos turistas que visitan estas terras do norde de Lugo poderán disfrutar un ano máis da tradicional rapa das bestas, organizada pola comunidade veciñal de San Andrés de Boimente.

A rapa das bestas é un rito ancestral que se remonta a Idade de Bronce que pasou a convertirse na actualidade nun auténtico espectáculo de interese turístico, tal como é o caso da rapa do Curro de Candaoso que está declarada, dende hai vario anos, FESTA DE INTERESE TURÍSTICO NACIONAL.

A rapa realizase no curro, recinto tradicional ao cal os propietarios baixan os cabalos, que se reúnen e se separan o día anterior. Neste esceario é onde os agarradores, coas mans vacías, loitan coa bestia ata lograr reducila para marcala e rapar as súas crins.

Este sábado, 4 de xullo as veciñas e veciños de San Andrés gozarán , xunto con todos os que visiten o noso Curro, dunhas Xornadas de degustación de carne de poldro a partir das 14:00 horas. Xa co estómago agredecido os asistentes poderán bailar, a tardiña, ao son da música.

O domingo, 5 de xullo e caseque ao mencer os máis madrugadores poderán presenciar o ritual da marcaxe e rapa dos animais no curro.
Rematada a rapa comezará a romaría, propiamente dita, na que os visitantes terán a oportunidade de mercar nos moitos postos que acoden todos os anos a este evento, disfrutar paseando polo contorno da Fraga das Saímas, bailar co grupo de gaitas e a iso das 5 da tarde poderán acudir a ver a carreira de cabalos que se ven celebrando dende hai anos e que contará cunha gran cantidade de participantes.

Pois xa sabedes, se esta fin de semana non tendes nada programado aínda estades a tempo de organizar unha viaxe ata a nosa parroquia para gozar dunha xornada ao aire libre e descubrir o divertido e saudable que pode resultar esta romaría.

Para axudarvos a chegar este mapa quizais vos serve de guía: