13.10.08

PROGRAMA "TEMPOS DE MULLERES"-2008



MULLERES DA ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS”, DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE, DISFRUTARON E COMPARTIRON EXPERIENCIAS CON ASOCIACIÓNS DE LALÍN, VERÍN E VALLADARES DURANTE UNHA FIN DE SEMANA DE DIVERSIÓN E OCIO NA RESIDENCIA DE TEMPO LIBRE DE PANXÓN (NIGRÁN)

San Andrés de Boimente, 13 de outubro de 2008.- Esta fin de semana, dez das socias da Asociación Fraga das Saímas que participaron ao longo do mes de setembro nun dos módulos básicos (Somos Mulleres I) do programa “Tempos de Mulleres-2008” da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar Social da Xunta de Galicia, disfrutaron da estadía na residencia de tempo libre de Panxón, situada a carón da praia Patos.

Durante estes dous días as mulleres da Asociación Fraga das Saímas compartiron tempo de ocio e espazo con mulleres das asociacións de Lalín (Pontevedra), Verín (Ourense) e Valladares (Vigo), así como tamén con mulleres de asociacións de diversas partes do mundo (Francia, India, África…) que van a participar o vindeiro fin de semana na Marcha Mundial das Mulleres en Vigo.

O sábado, despois de repoñer forzas da viaxe, aproveitaron para darse un paseo pola praia de Patos e coñecer o pobo de Panxón. Ao serán, acompañadas por monitoras, debatiron sobre o papel da muller na sociedade e o empoderamento. A xornada rematáronna cantando e bailando xunto cun grupo de pandereteiras que axudaron a amenizar a velada. Na mañán do domingo asistiron a unhas sesións, impartidas por monitoras expertas en psicoterapia e taichí, onde aprenderon diversas técnicas e exercicios de relaxación. Despois do xantar e antes de marchar aproveitaron para mercar algún pequeno agasallo e para despedirse das súas compañeiras de fin de semana. Antes de abandoar a provincia de Pontevedra fixeron unha pequena parada en Baiona para contemplar a beleza do seu porto e como non do Pazo, hoxe parador de turismo, dos Condes de Gondomar.

No hay comentarios: