26.10.08

1ª FESTA DO MAGOSTO: TOMA CASTAÑA!!


A PARROQUIA DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE RINDE HOMENAXE Á CASTAÑA NA SÚA Iª FESTA DO MAGOSTO BAIXO O LEMA: TOMA CASTAÑAS! ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS “FRAGA DAS SAÍMAS”, COA COLABORACIÓN FINANCIEIRA DA DIRECCIÓN XERAL DE TURISMO.

En San Andrés de Boimente, 26 de outubro de 2008.- O sábado, 25 de outubro a Asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” celebrou a Iª Festa do Magosto Toma Castañas! nas instalacións do Centro Socio-Cultural da parroquia.

Este magosto popular, financiado pola Dirección Xeral de Turismo e a comunidade veciñal, comezou ás 17:00 horas co discurso de benvida de Flor Chao, Presidenta da Asociación MMRR Fraga das Saímas .

A Presidenta agradeceu a presenza de todos os presentes e o traballo das socias voluntarias así como a participación de toda a comunidade veciñal nesta celebración de carácter agrario que, según palabras de Flor, fai que se recupere un dos rituais sociais de maior tradición ancestral. Por outra banda, destacou que co impulso destas actuacións lúdico-culturais, promovidas desde a Asociación de Mulleres Rurais, queremos contribuír a conservar e a transmitir ás novas xeracións e aos visitantes os rasgos propios da nosa cultura popular, a fomentar a imaxe da nosa parroquia e potenciar a convivencia da nosa comunidade veciñal.

Rematada a intervención da Presidenta, os asistentes puideron disfrutar da actuación de Cándido Pazó, actor, director de escena, guionista para televisión e excelente contador de contos, que fixo rememorar aos presentes os tempos dos magostos e das esfolladas.

E despois de tanta risa coas historias de Cándido as máis de 100 persoas que acudiron a pasar esta tarde-noite de troula deron boa conta das Castañas asadas e un variado surtido de petiscos de chourizos, costilla e outros produtos da tempada, mentras os máis pequenos se divertían cos clásicos colares de zonchos.

Xa entrada a noite os asistentes cantaron e bailaron ao son da música do Dúo Suso, cumprindo así cun dos rituais sagrados destas festas. Esta celabración en homenaxe á filla e nai do Castiñeiro rematou alá polas once da noite.

No hay comentarios: