3.6.08

CLAUSURA 1ª EDICIÓN CURSOS 2007-2008


AS MULLERES DA ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS” CLAUSURAN A SÚA Iª EDICIÓN DOS CURSOS 2007/2008 ACOMPAÑADAS DO GRUPO “XUBILO” DE MÚSICA TRADICIONAL E PANDEIRETAS DA OBRA SOCIAL DE CAIXA GALICIA DE VIVEIRO.


En San Andrés de Boimente, 3 de xuño de 2008.- O pasado 29 de maio as socias da Asociación Fraga das Saímas que asistiron aos cursos 2007-2008 organizados pola Directiva desta Asociación festexaron o remate dos mesmos bailando a ritmo de gaitas e pandeiretas.

Con motivo do remate dos cursos de ximnasia, Internet, talleres de dinamización social e de manualidades, organizados pola Directiva da Asociación Fraga das Saímas durante a edición 2007-2008, as socias-alumnas, xunto coa súa Presidenta, quixeron despedir os cursos celebrando unha festa todas xuntas.

O acto de clausura, que tivo lugar no Centro Socio-Cultural de San Andrés, comezou ás 18:00 h. dando a benvida, a Presidenta da Asociación, á Concelleira de Benestar Social, Isabel Rodríguez e ao grupo de música tradicional “XUBILO” de Viveiro, que de forma desinteresada ofrecéronse a actuar nesta festa. Durante o seu discurso a Presidenta agradecéulles ás socias-alumnas o seu entusiasmo amosado polos cursos, a súa participación e a súa implicación nas actividades da Asociación, así como tamén tivo unhas palabras de agradecemento para as monitoras dos cursos e talleres: Rosi, Paula e a Pacola polo seu bo labor e profesionalidade.

A continuación os máis de 50 asistentes a este acto degustaron dun bufé así como tiveron a oportunidade de disfrutar da música e das cancións interpretadas pola agrupación de xubiladas/os de Viveiro, formado por 27 artistas (pandereteiras, cantareiras e gaiteiros). A festa prolongouse ata pasadas as 21:30 da noite.

No hay comentarios: