15.11.08

PROGRAMA "SÁBADOS DE CINEMA NA ALDEA"


A ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS “FRAGA DAS SAÍMAS” DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE INAUGURA O PROGRAMA “SÁBADOS DE CINE NA ALDEA” COA PROXECCIÓN DA PÉLICULA “SEMPRE XONXA” DO DIRECTOR CHANO PIÑEIRO.

En San Andrés de Boimente, 16 de novembro de 2008.- O sábado 15 de novembro, as veciñas e veciños de San Andrés de Boimente disfrutaron no seu Centro Socio-Cultural coa película galega “Sempre Xonxa”, dirixida por Chano Piñeiro.

Con esta película a Directiva da Asociación de mulleres Fraga das Saímas estrea o Programa cultural: “Sábados de cine na aldea”, unha das actividades máis novedosas deste asociación, dado que as membros desta directiva conseguiron despois de varios meses habilitar un dos espazos do Centro Socio-Cultural como Sá de Cine.

Un dos obxectivos principais que persegue a actual Directiva con este proxecto cultural é darlles facilidades e oportunidade as súas veciñas e veciños cinéfilos de achegarse ao seu Centro Socio-Cultural para disfrutar durante as fins de semana dunha amplia e variada temática de cine (comedia, drama, suspense…).

“Sempre Xonxa” tivo unha afluencia de público moi por encima das previsións da Directiva, dado que á inauguración deste novo Programa cultural acudiron unhas 42 persoas, as cales non só disfrutaron da película senón que despois de rematada esta servíuselles, por un simbólico prezo de 2 euros, e mentras charlaban e comentaban a película, bebidas, cafés e aperitivos.

Pero a parroquia de San Andrés non só conta con esta nova alternativa de ocio, xa que a programación cultural e lúdica da Asociación MMRR Fraga das Saímas ofrecerá ás súas veciñas e convidados “FRAGAMAXIA”, un espectáculo de maxia e música de novos valores galegos que terá lugar o sábado 29 de novembro a partir das 18:30 da tarde .