20.2.09

CONCURSO DE DEBUXO E PINTURA "DESCUBRE A NOSA FRAGA DAS SAÍMAS"


A ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS “FRAGA DAS SAÍMAS” ORGANIZA O Iº CONCURSO DE DEBUXO E PINTURA, CO TEMA “DESCUBRE A NOSA FRAGA DAS SAÍMAS” DIRIXIDO AS NENAS E NENOS DO CONCELLO DE VIVEIRO.

En San Andrés de Boimente, 20 de febreiro de 2009.- No marco da celebración do “Día Internacional da árbore” a directiva da Asociación MMRR “Fraga das Saímas” está a organizar o Iº Concurso de Debuxo e Pintura dirixido a nenas e nenos en idades comprendidas entre os 6 e 11 anos matriculados nos centros de educación do concello de Viveiro.

Esta iniciativa, na que está a traballar a directiva da asociación Fraga das Saímas, forma parte dos proxectos integrados no Plano de Actividades-2009 e aprobado pola Asociación na súa asemblea xeral do pasado mes de xaneiro.

A finalidade deste concurso é sensibilizar e concienciar dun xeito activo ás nenas e nenos do Concello de Viveiro da importancia que ten nas nosas vidas o medio rural e natural que nos rodea, inculcarlles o respecto e o coidado do noso patrimonio natural e unha cultura de ocio saúdable e deporte ao aire libre visitando a nosa fraga.

Con este concurso preténdese que as nenas e nenos reflexionen sobre as características que distinguen as árbores que poden atopar na Fraga das Saímas das árbores que poden contemplar nos parques, piñeirais ou montes que xa visitaran, e ao mesmo tempo, que aprendan a identificar as árbores, a vexetación e animais que habitan na Fraga das Saímas.

As nenas/os poderán participar neste concurso a través dunha das seguintes modalidades: MODALIDADE DE CENTROS COLABORADORES: Alumnos matriculados nos centros educativos que se sumaron a esta iniciativa CEIP Santa Rita de Galdo, CEP Lois Tobío de Viveiro e o CEIP Antonio Pedrosa Latas de Celeiro ou ben na MODALIDADE LIBRE: é dicir as nenas e nenos matriculados nos colexios CPR-Landro de Viveiro ou no CEP de Covas, dado que a directiva da Asociación acordou darlle a oportunidade de participar as nenas/os destes centros que desexen concursar presentando os seus traballos de forma individual e coa debida autorización dos pais.

As nenas/os que queiran participar na modalidade Libre poderán recoller as bases do concurso no Centro Comarcal da Mariña Occidental en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Os alumnos dos tres centros colaboradores seguirán as indicacións do profesorado do colexio.

Os concursantes en idades comprendidas entre os 6 e 8 anos participarán na CATEGORÍA A, e os de idades comprendidas entre os 9 e 11 anos faranno na CATEGORÍA B.

Outorgaranse 3 premios por cada categoría e que consistirán na entrega de diplomas e de premios en metálico, que irán desde os 40 ata os 100 euros por categoría, ademais dunha viaxe á Ribeira Sacra, xunto coa asociación e a nai ou titor, para o primeiro premiado na categoría B.

Cos traballos gañadores, xunto con outros seleccionados polo xurado, organizarase unha exposición itinerante.