22.10.15

CELEBRACIÓN DAS XORNADAS MICOLÓXICAS-2015 CON SAÍDA AOS MONTES DO BUIO

As participantes da IIIª Edición micolóxica foron testemuñas da escasez de cogomelos nos montes do Buio e Lerín, debido a climatoloxía e á recollida incontrolada dos mesmos.

O COLECTIVO DE MULLERES FRAGA DAS SAÍMAS CELEBROU A SÚA IIIª EDICIÓN MICOLÓXICA CUNHA SAÍDA AOS MONTES DO BUIO E UNHA DEGUSTACIÓN GASTRONÓMICA DE COGOMELOS.

 O Centro Socio-cultural de Santo André de Boimente ven de acoller a IIIª edición das Xornadas Micolóxicas e Gastronómicas de Cogomelos no Buio organizadas polo colectivo feminino “Fraga das Saímas”.

As xornadas, que se celebraron durante todo o día do sábado 17 de outubro, deron comezo ás 9.30 horas no Centro Socio-cultural de Santo André de Boimente, onde se deron cita os participantes e organizadoras, que aproveitaron para facerlles entrega dun dossier e un DVD das Xornadas, ao mesmo tempo que lles facilitaron as bases do concurso de cestas e composición de setas. Ao longo dunha hora e media o Biólogo e experto en Micoloxía, Marcos Besada impartiu unha charla sobre o mundo das setas e aproveitou para recordarlles aos participantes e amantes dos cogomelos unhas nocións básicas sobre as diferentes especies de cogomelos e champiñóns existentes en Galicia e particularmente na zona da Mariña.




Rematada a charla o grupo partiu cara aos montes do Buio e Lerín para poñer en práctica o aprendido e coñecer de primeira man a riqueza micolóxica e valor ambiental dos montes veciñais en man común de Santo André de Boimente.



Logo de estar recorrendo durante máis de catro horas diferentes veredas dos Montes do Buio, así como da propia Fraga das Saímas, cunha pequena parada para xantar no Refuxio do Candaoso e para identificar, clasificar e seleccionar os escasos cogomelos recolectados, o grupo de aficionadas e aficionados á Micoloxía voltaron ao Centro Socio-Cultural para, uns e unhas proceder á limpeza das setas, mentras as participantes do concurso de cestas e composición de setas decoraban as súas cestas e dábanlles os últimos retoques antes de que o xurado se reunirá para emitir un veredito, Marcos Besada e a súa colaboradora prepararon diversos pratos (Risotto e salteado de setas e de postre mouse de setas) elaborados a base de boletus edulis e Bayo e Níscalos, entre outros, para a degustación culinaria onde unha vintena de comensales felicitaron ao cociñeiro logo de dar boa conta de todos os pratos presentados.



As gañadoras e gañadores do concurso de Cestas e composición de setas segundo o veredito unánime dos membros do xurado calificador foron: o viveirense Paco, que se alzou co 1º premio e a socia do colectivo feminino, Merche, que se alzou co 2º e que se levaron, respectivamente, como premio un convite para a Festa de Nadal e un convite para a Festa do Magosto: Toma Castaña!



As participantes nesta Xornada retiráronse pasadas as 22.00 h, pero non antes de botar unhas cantareas, pechando así con grande éxito e satisfacción por parte dos asistentes e do colectivo organizador as IIIª Xornadas Micolóxicas e gastronómicas de cogomelos.