17.8.13

CELEBRACIÓN DO DÍA DA SOCIA NO REFUXIO DO CANDAOSO. EDICIÓN 2013

Fraga das Saímas” celebrou a súa 5ª Edición do “Día da Socia” no refuxio do Candaoso,  na compañía de oitenta socias, familiares e amigos.

O COLECTIVO “FRAGA DAS SAÍMAS” ORGANIZOU UNHA  SARDIÑADA NO REFUXIO DO CANDAOSO, A CARÓN DO DO MONTE DO BUIO,  CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO  SEU “DIA DA SOCIA”

Luns, 5 de agosto de 2013.-  A Directiva da Asociación Fraga das Saímas ven de organizar este sábado, 3 de agosto,  a Vª Edición da Sardiñada do Candaoso con motivo da celebración do Día da Socia-2013.

O colectivo Fraga das Saímas elixiu un ano máis a explanada do curro do Candaoso (pertencente aos montes do Buio e moi perto da Fraga das Saímas) como o lugar ideal para gozar dunha xornada de convivencia cos seus familiares e amigos. Moitos dos asistentes aproveitaron o extraordinario día  con que os agasallou o astro sol para pasear polos moitos sendeiros cos que contan estas fermosas paraxes da Mariña Lucense, mentras os amantes da fotografía capturaban nas súas cámaras a beleza descoñecida destas paisaxes.

A preparación da rica sardiñada con cachelos, acompañada de lacón asado, empanadas e chourizos correu a cargo das membros da Directiva acompañadas das súas inestimables e voluntariosas/os socias e amigos que comezaron a preparar esta xornada gastronómica a partires das 12.30 horas. Este equipo de voluntarios, con Paco ao fronte das barbacoas, fixo posible que un ano máis a Sardiñada do Candaoso fora un éxito e que as oitenta socias, familiares e convidados asistentes á celebración do Día da Socia da Fraga das Saímas gozaron dun gran xantar en compañía dos seus achegadados e veciños.

Durante esta xornada de convivencia os asistentes, amantes da música bailaron ao ritmo das melodías do Home Orquestra. Pasadas as 20.00 h. da tarde as socias e convidados comezaron a retirarse, quedando emprazados  pola Directiva para participar no  roteiro cultural “Turisteando por Terras Lucenses” proxectado polo colectivo “Fraga das Saímas” para o mes de setembro. Directiva que aproveitou tamén para animar ás asistentes a matricularse no curso de informática e introdución á internet que se celebrará a partir do mes de setembro, así como a participar na 3ª e última fase do proxecto-piloto de Compostaxe caseiro.

A Directiva Fraga das Saímas quere recordar a todos as/os fotógrafas/os que acudiron á chamada do concurso fotográfico imaxesRAPAcandaoso2013, organizado por este colectivo con motivo da celebración da Rapa das  Bestas do Curro do Candaoso-2013, que o prazo para presentar os seus traballos remata o 31 de Agosto de 2013.