23.4.13

2ª FASE DO PROXECTO EXPERIMENTAL DE COMPOSTAXE CASEIRA

AS MULLERES PARTICIPANTES NO PROXECTO DE COMPOSTAXE CASEIRA VISITARON OS CATRO COMPOSTEIROS OBXECTO DE SEGUIMENTO DO PROXECTO EXPERIMENTAL DO COLECTIVO “FRAGA  DAS SAÍMAS” ACOMPAÑADAS POLA TÉCNICA DE ADEGA RESPONSABLE  DO MESMO.
 
O Centro Socio Cultural de Santo André de Boimente serviu esta fin de semana de punto de encontro das participantes no proxecto experimental do colectivo Fraga das Saímas “Compostaxe Caseira” coa técnica da Asociación na Defensa Ecolóxica de Galicia, María Rodríguez Lafuente. Encontro que tivo lugar co fin de desenvolver a 2ª Fase deste proxecto de sensibilización e concienciación medioambiental.

Antes de comezar a visita dos catro composteiros obxecto de seguimento no proceso de desenvolvemento deste proxecto experimental, a Técnica de ADEGA, seguindo indicacións da Directiva Fraga das Saímas, aproveitou para dar unha charla-coloquio sobre a importancia da Reciclaxe de aceites domésticos usados e levou a cabo unha demostración práctica, axudada polas súas alumnas, de como podiamos elaborar facilmente xabóns a partir de restos dos aceites usados a través dun proceso frío, ou o que se chama sen fonte calorífica externa. Proceso que é o que se emprega para elaborar xabóns duros de hidróxido sódico ou sosa cáustica.

Logo de dúas horas de debate e da práctica impartida sobre as múltiples alternativas de reciclaxe de aceites e unha vez elaboradas máis de 20 pezas de xabón de lavar, as participantes acompañadas pola monitora comezaron a visita dos composteiros obxecto de seguimento polo composteiro artesanal e comunal, sito ao pé do Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente.

Tra-las visitas aos composteiros ubicados nas parroquias de Santo André de Boimente, Chavín e Vieiro, a Técnica Lafuente deulles unhas breves indicacións ás usuarias dos composteiros co fin de  correxir pequenas deficiencias no seu uso e felicitou as futuras mestres composteiras pola boa marcha do proxecto, indicándolles que de seguir na mesma liña de uso dos composteiros no mes de setembro xa se podería facer a 3ª visita durante a cal se extraería o abono orgánico e se completaría así o proceso experimental de reciclaxe dos residuos caseiros.

A Directiva do colectivo de mulleres aproveita para animar as súas sócias, veciñas e convidados a asistir á VI Festa do Medio Natural que se vai celebrar o sábado 27 de abril e asimesmo recórdalles que ven de abrirse o prazo para anotarse para participar na visita a “Viana do Castelo e Cambados” que está a organizar a Directiva de mulleres para a fin de semana do 8 e 9 do mes de xuño.

No hay comentarios: