21.1.13

APROBACIÓN DO PLANO DE ACTUACIÓNS 2013 "FRAGA DAS SAÍMAS"


A Asemblea Xeral das mulleres do colectivo “Fraga das Saímas” acorda, entre outras iniciativas, poñer en marcha un proxecto experimental de Compostaxe Doméstico, o proxecto de promoción imaxesRAPAcandaoso2013 e un proxecto de Recuperación do Patrimonio Etnográfico Material.  Tres proxectos tan novidosos coma a espectacular cicloxénese explosiva que atravesou, esta fin de semana, Galicia.

AS MULLERES DA ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS APROBAN POR UNANIMIDADE O PROGRAMA DE ACTIVIDADES-2013 NA SÚA ASEMBLEA XERAL ANUAL E DAN O SEU VISTO BO AO INFORME DE XESTIÓN E AO ESTADO DE CONTAS DO ANO 2012 DA ASOCIACIÓN.

Foto de arquivo
 A asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” ven de celebrar a súa asemblea xeral anual a tarde do sábado, 19 de xaneiro, no seu Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente.

Nesta reunión, tras dar conta a secretaria da asociación do estado de ingresos e gastos do ano 2012, as socias aprobaron por unanimidade as contas do devandito exercicio, así como o Programa de Actuacións e Investimentos a desenvolver ao longo do ano 2013 pola colectivo “Fraga das Saímas”.


O Plano de Actuacións ao que deu luz verde o colectivo de mulleres para o ano 2013, e cuxo orzamento ascende a 25.200 euros, conta entre as súas actividades aprobadas con iniciativas tan novidosas como a posta en marcha, dentro dunha nova campaña de sensibilización do medio natural e aposta polo rural, dun proxecto experimental de Compostaxe Doméstico, ao obxecto de concienciar aos veciños da necesidade de reducir o volume de residuos, sensibilizalos sobre os beneficios ambientais do emprego da técnica de compostaxe doméstica e capacitalos para elaborar compost a escala doméstica. No eido turístico as mulleres deste colectivo quixeron apostar pola promoción e difusión da Rapa das Bestas do Curro do Candaoso, unha das festas ancestrais de maior arraigo no concello de Viveiro, levando a cabo a organización dun Concurso de Fotografía baixo o lema ImaxesRAPAcandaoso-2013. Asimesmo, outro exemplo de iniciativas destacables que acaba de recibir o visto bo da asemblea de socias é un proxecto de Recuperación do Patrimonio Etnográfico e a posta en valor de obxectos propios da cultura tradicional.

A sesión foi pechada coa intervención da presidenta que expresou a súa satisfacción tanto polo traballo desenvolto ao longo do ano 2012 polas membros da directiva como pola participación entusiasta das súas socias, veciños e convidados. A Presidenta antes de concluír a súa intervención manifestou ante máis das 40 socias (presentes e representadas) “espero que este ano 2013 sexa o ano en que o concello de Viveiro cumpra coa súa promesa reiterada de dotar de conexión a internet, entre outras, á Aula informática – pertencente á rede de Telecentros- do Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente. Centro que estamos a xestionar desde o ano 2007 co maior dos cariños e coa maior responsabilidade posible e para o cal queremos os  mesmos recursos tecnolóxicos dos que dispoñen calquera  Centro Social das cidades.

Unha vez rematada a asemblea as membros da Directiva serviron cafés e pinchos entre as asistentes  que se animaron a prolongar a estancia no Centro Socio-Cultural ata pasadas as 21.30 da noite

No hay comentarios: