6.6.11

GRANDE SATISFACCIÓN ENTRE AS/OS PARTICIPANTES DA RUTA DA "FRAGA DAS SAÍMAS" POLA RÍA DE AROUSA E O VERSALLES GALEGO

As mulleres da asociación Fraga das Saímas, acompañadas da súa parella e familia, gozaron dunha fin de semana envoltas entre os aromas das camelias, hortensias e  dun sinfín de prantas dos xardíns do Pazo da Oca e a diversidade de cores da Ría de Arousa, baixo un ceo dun intenso azul  que as acompañou ao longo da súa escapada ata o casco antigo da cidade de Pontevedra.

MEDIO CENTO DE MULLERES E VECIÑOS DE SANTO ANDRÉ DE BOIMENTE PARTICIPARON NUNHA RUTA POLA RÍA DE AROUSA, O VERSALLES GALEGO E O CASCO HISTÓRICO DE PONTEVEDRA ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS”



Este pasado sábado 4 de xuño a Asociación “Fraga das Saímas” viaxou ás Rías Baixas para descubrir a historia e a beleza desde a terra e desde o mar da Ría de Arousa, gozar do “Versalles galego” e do Casco histórico da cidade de Pontevedra, o  mellor conservado de Galicia, xunto co de Compostela.

A primeira visita do día foi aos Xardíns do Pazo de Oca (concello da Estrada), tamén coñecido como o Versalles Galego polo seu encanto e a súa extraordinaria beleza. Durante este recorrido as viaxeiras contemplaron extasiadas os  belos estanques, fontes e pontes românticas. Descubriron pasadizos, rincóns escondidos...e gozaron coa beleza das  hortensias, petunias, camelias, magnolias, tilos, parras, grandes árbores, trepadoras...música de fondo, a frescura  da mañá e un sinfín de aromas

Logo desta primeira parada continuaron ata o Grove, onde embarcaron no Novo Delfin para facer unha Ruta en Catamarán pola Ría de Arousa, durante a cal un guía  lles explicou o proceso de cultivo dos mexillóns e ostras. Durante esta travesía fixeron unha parada nunha das plataformas de cultivos mariños para degustar mexillóns ao vapor, acompañados dun alvariño. Esta viaxe pola ría durou aproximadamente unha hora e media.

A media tarde, unha vez recuperadas as forzas e logo de dar boa conta dun xantar no Mesón O Xoto (no centro do Grove), o grupo da asociación Fraga das Saímas achegouse a Punta Moreiras para facer unha visita ao Centro de Interpretación da Pesca e a Salga (CIPES). As viaxeiras/os foron recibidas polo Concelleiro de Cultura do Grove (D. Antón Maroño), que lles explicou no transcurso da visita, que durou máis dunha hora, o método de salazón do peixe que se seguía no século XIX, as diferentes artes de pesca da zona, a carpintería da ribeira e na que aproveitou tamén para contarlles a historia mariñeira do Grove.

As mulleres da Asociación Fraga das Saímas aproveitaron a  última parada para visitar a cidade de   Pontevedra, na que fixeron un roteiro polo casco histórico da cidade, partindo da Alameda e visitando as prazas da Ferrería, Méndez Núñez, A Estrela... e rematando fronte a Igrexa da Peregrina, padroa desta cidade.

No hay comentarios: