“FRAGA DAS SAÍMAS” CELEBRA COA “FARSA Á ESCOCESA E MATRIMONIO SÉCULO XXI” DO GRUPO DE TEATRO AXOUXERES O DÍA DAS LETRAS GALEGAS-2011.
A partir das 19.00 horas da tarde do sábado, 8 de maio deron comezo os actos organizados pola asociación “Fraga das Saímas” no Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente con motivo da celebración do Día das Letras Galegas-2011.
A festa da Lingua-2011 da Fraga das Saímas comezou coa lectura dun pequeno texto do poeta monfortino, Lois Pereiro, ao que se lle adican este ano o Día das Letras Galegas. Rematada esta lectura a Presidenta, Flor Chao, foi a encargada de dar o discurso de presentación da Festa da Lingua, durante o cal aproveitou para reivindicar o uso da lingua galega para “...poñer en valor o noso patrimonio inmaterial máis prezado...” destacando a figura de Rosalía de Castro “...muller, galega e poeta comprometida coa nosa terra e coa nosa lingua”.
Rematada a intervención da presidenta deuse paso a representación da obra “Farsa á escocesa e matrimonio Século XXI, representada polo grupo teatral Axóuxeres da asociación cultural O Castro de Vilaronte (Foz) e dirixida por Benito García Bolaño. Esta nova obra que o Grupo Axóuxeres está a levar por todo a xeografía lucense ao longo do 2011, tivo unha grande acollida e foi moi aplaudida polos máis de cuarenta e cinco veciños e veciñas, que asistiron á Festa da Lingua, durante os 90 minutos que durou a súa representación.
A festa da Lingua clausurouse cunha chocolatada servida pola Directiva a todas as veciñas e veciños participantes desta festa-homenaxe á lingua. As portas do Centro Socio-cultural pecháronse, nesta ocasión, pasadas as 22.30 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario