17.3.11

DESCOBRE UNHA COCIÑA DE CALIDADE E SINXELA

A Asociación Fraga das Saímas aposta por unha cociña de calidade con produtos galegos elaborados ao xeito tradicional.

“FRAGA DAS SAÍMAS” ABRE O PRAZO PARA MATRICULARSE NO  SEU  Iº CURSO DE COCIÑA E REPOSTERÍA AO ESTILO TRADICIONAL.

A Directiva da asociación de mulleres rurais da parroquia de Santo André de Boimente, ao obxecto de dar cumprimento ao acordado na súa asemblea xeral anual, abre o prazo para as socias do colectivo da Fraga das Saímas e outras persoas interesadas (homes ou mulleres) que desexen participar no Iº Curso de cociña e repostería ao estilo tradicional, para que se matriculen no mesmo antes do remate do mes de marzo. Esta actividade formativa está programada para que dé comezo a primeira semana de abril.

Coa organización deste curso Fraga das Saímas busca contribuír a rescatar o valor patrimonial das recetas tradicionales galegas, aprender sobre a historia gastronómica do noso país, e ao mesmo tempo gozar dun momento agradable e divertido, ou o que é o mesmo “aprender gozando”

Con esta iniciativa a directiva busca ofrecerlles, a aquelas mulleres da súa asociación e/ou veciñas interesadas no mundo da cociña e os seus segredos, a oportunidade de aprender e/ou ampliar os seus coñecementos culinarios da man do cociñeiro Ivan Galdo del Río, (un xove pero experto profesional da cociña da Mariña lucense).

O curso impartirase os mércores de cada semana durante os meses de abril e maio no Hotel-Restaurante O´Val do Naseiro (San Pedro).

Número máximo de alumnas/ os: 18 persoas
Horario: mércores de 17.00 horas ás 20.00 horas
Duración: 24 horas
Custo total: as alumnas pagarán o 50% do custo do curso e o outro 50% será financiado pola Asociación Fraga das Saímas. Polo que, cada alumna pagará polo curso completo entre 50-60 euros. Este prezo inclúe: materia prima, profesor-cociñeiro, aula de cociña exclusiva e degustación.

O prazo para anotarse rematará o 31 de marzo ou ben no momento en que se cubran as 18 prazas. Déixate guiar polos sentidos e achégate aos segredos dunha das mellores cociñas do mundo.

As persoas interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa Directiva da Fraga das Saímas no teléfono 669250948.




No hay comentarios: