20.12.10

ÉXITO DE PARTICIPACIÓN NO FESTIVAL DE NADAL -2010 "FRAGA DAS SAÍMAS"



A ACTUACIÓN “ELEGANTE E INTIMISTA” DO DÚO DE MÚSICA FOLK “TONECHO CASTELOS&PABLO ESQUEIRA” CAUTIVOU AO PÚBLICO ASISTENTE AO IIº CONCERTO DE NADAL “FRAGA DAS SAÍMAS-2010”

 

O sábado 18 de decembro a Asociación de mulleres rurais “Fraga das Saímas” pechou o seu programa de actividades 2010 coa celebración do Festival de Nadal-2010. Unha cita anual xa consagrada e convertida nun “ritual de casi obrigado cumprimento” para as socias, veciños da parroquia e convidados da asociación.

Este Festival-2010, organizado pola Directiva con gran esforzo, ilusión, gañas e co desexo de que facer sentirse HOXE aquí aos asistentes como nunha gran familia, según palabras da propia presidenta da asociación durante o acto de benvida, comezou ás 18:30 h. no Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente coa actuación dos reputados músicos de folk, o coruñés Tonecho Castelos &Pablo Esqueira, viveirense de nacemento.

Estes dous mestres da música ofrecéronnos un espectáculo musical cargado de ritmos tradicionais e folk con composicións propias, cautivando, coa complicidade dun fermoso diálogo entre un violín e un acordeón, a un público asistente totalmente entregado, ao mesmo tempo que engadían diferentes instrumentos e a súa voz durante o seu elegante e intimista repertorio que se alongou máis dunha hora.

Concluído este excepcional concerto, e que a Directiva quixo adicar dun xeito especial á memoria das súas socias finadas, o centenar de asistentes que quixeron compartir este ritual de despedida anual, xunto coa asociación Fraga das Saímas, foron convidados a unha cea de confraternidade que comezou ás 20.30 h., onde os comensales deron boa conta do catering servido polo Mesón O Imperial e onde non faltou tampouco durante o postre a degustación dos produtos típicos do nadal servidos pola Directiva.

Durante a cea a Presidenta da Asociación “Fraga das Saímas”, Flor Chao, aproveitou para felicitar, as festas de Nadal e expresar os mellores desexos para o 2011 a todas as súas socias e convidados. Durante a súa intervención agradeceu , a todas aquelas socias que co seu entusiasmo, coa súa participación e a súa colaboración en todos e cada un dos proxectos desenvoltos pola Directiva, fixeron posible que a Asociación chegara con éxito á meta un ano máis e aproveitou para felicitalas publicamente pola súa vitalidade, ilusión e esa alegría que nos transmiten e nos dá forzas para continuar coas rendas desta asociación un ano máis e á espera de poder contar, a curto prazo, cun relevo xeracional que nos recolla o testemuño e continúen coa boa marcha desta asociación.

Durante os postres a directiva efectuou un sorteo de tres espléndidas cestas de nadal. Nesta ocasión a fortuna foi a parar ás mans do veciño Manolo Lestegás, que se levou a 1ª cesta e ás mans das socias: Olimpia Rouco Fraga e Elva Martínez Cao, que a fortuna as agasallou coa 2ª e 3ª cesta respectivamente. Tampouco se olvidou a Directiva dos máis pequenos que asistiron a esta festa navideña, posto que tamén recibiron o seu agasallo de nadal.

A celebración alongouse ata as 2.00 h. da madrugada, na que os convidados máis animados bailaron ao ritmo da música do viveirense Moncho Fernández.