8.11.10

FRAGA DAS SAÍMAS SOLIDARÍZASE COS VECIÑOS DE MAGAZOS AFECTADOS POLO CAMBIO DE TRAZADO DA VARIANTE DE VIVEIRO

A ASOCIACIÓN “FRAGA DAS SAÍMAS” APOIA A REIVINDICACIÓN DAS VECIÑAS E VECIÑOS DE MAGAZOS AFECTADOS POLO CAMBIO DE TRAZADO DA VARIANTE DE VIVEIRO AO PASO POLA SÚA PARROQUIA.


A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas” reuníuse na tarde do sábado, 6 de novembro, co obxecto de tomar, entre outros, o acordo de apoiar a reivindicación das veciñas e veciños de Magazos afectados polo cambio de trazado do proxecto aprobado da V.A.C. (variante de Viveiro), ao paso pola súa parroquia.
A Directiva da Fraga das Saímas, de forma unánime, acordou manifestar o apoio ás súas veciñas e veciños da parroquia de Magazos na súa loita contra o cambio no trazado da VAC ao paso por esta parroquia. O Acordo tomado por escrito e asinado por todas as membros da directiva, trasladouselle aos representantes da Comisión de veciños afectados de Magazos.

A Directiva da Fraga das Saímas manifesta o seu rexeitamento ao cambio de trazado do proxecto aprobado da V.A.C. San Cibrao-O Barqueiro, tramo Celeiro-Viveiro Sur, ao paso pola parroquia de Magazos que de forma sorpresiva e arbitraria a Dirección Xeral de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia parece estar intentando querer impoñer ás veciñas e veciños de Magazos, afectados directos, e ás veciñas e veciños das restantes parroquias do municipio viveirense, que continuaremos sofrindo estoicamente día tras día os atascos e as penalidades para cruzar Viveiro por mor de non estar nin se quera iniciada a execución a día de hoxe, e visto o visto, nin con visos de executarse nun futuro cercano, a V.A.C. San Cibrao-O Barqueiro, nos subtreitos de Covas-Viveiro Sur e Viveiro Sur-Celeiro, e incomprensiblemente a pesares de que este trazado xa fora aprobado por unanimidade por todos os membros da corporación do concello de Viveiro e co respaldo e consenso dos veciños, alá polo ano 2006.

Cremos que todos os cidadáns deberíamos ter as mesmas oportunidades para mellora-las nosas condicións de vida con independência da aldea, vila, cidade ou capital na que escollamos ou nos toque vivir, polo que non nos parece de recibo que as Administracións Públicas que recaudan , administran e xestionan os nosos impostos decidan de forma unilateral cambiar, como é neste caso, un proxecto primordial para as nosas comunicacións viarias e o desenvolvemento futuro do municipio viveirense, menoscabando o sentir xeral dos veciños e os acordos tomados polo concello de Viveiro, que entendemos goza de personalidade xurídica plena e cuxa autonomía ten garantizada pola Constitución española, supoñemos que como calquera outra administración local.

A Directiva da Fraga das Saímas suscribe as alegacións presentadas, á Dirección Xeral de Infraestruturas, polas veciñas e veciños de Magazos ao cambio de trazado da V.A.C. ao seu paso por esta parroquia e demanda da Xunta de Galicia a rectificación do trazado proposto pola súa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a aceptación das alegacións dos veciños de Magazos e reitera, en aras do interese xeral de todos os veciños de viveiro a petición de inicio das obras da variante de Viveiro aprobada no seu día polo Concello e os veciños.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Hai que reivindicar sempre, o que non chora non mama!