15.11.10

AVELINO GONZÁLEZ, UN CONTADOR DE HISTORIAS QUE TRIUNFOU NA 3ª EDICIÓN DO MAGOSTO "FRAGA DAS SAÍMAS"

Máis de oitenta mulleres, convidados e veciños de San Andrés, asistentes á 3ª Edición do Magosto “Fraga das Saímas, encheron o salón de actos do Centro Socio-cultural de San Andrés, para presenciar a contada do actor Avelino González e a representación dun fragmento teatral das alumnas do curso de animación cultural e deportiva que está a impartir a asociación “Fraga das Saímas”.

Na tarde do sábado 13 do presente mês a Asociación de Mulleres Rurais “Fraga das Saímas” celebrou no Centro Socio-Cultural da parroquia de San Andrés de Boimente a súa 3ª edición do Magosto: Toma Castañas!. Edición que contou coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.


A xornada de troula desta 3ª festa magosteira comezou ás 18.30 h. co discurso de benvida de Flor Chao, presidenta da Asociación Fraga das Saímas, que según palabras da mesma: Coa celebración desta 3ª edición do Magosto “Fraga das Saímas” e que xa supón a consolidación da recuperación dun dos rituais máis ancestrais dos nosos antepasados celtas e con maior arraigo nestas terras do norte, queremos honrar á filla do Castiñeiro que acompañou case a diario, en tempos difíciles e non tan lonxanos, as mesas de tantos fogares galegos e que tanta fame quitou aos nosos antepasados.

Durante máis dunha hora, e tras pasarlle o relevo a presidenta da Fraga das Saímas, o actor vigués Avelino González, coñecido actualmente polo persoaxe de “Miñato” que interpreta na serie galega “Padre Casares”, fixo as delicias dos asistentes, que non deixaron de rir nin de aplaudir a este actor de cine, teatro e amante do circo.

Unha vez rematada a contada deste actor capaz de facerlle sentir todo tipo de sensacións ao seu público menos o aburrimento, as socias-alumnas do curso de animación cultural e deportiva tamén quixeron amosar as súas dotes interpretativas representando un fragmento de 10 minutos da peza teatral “O anano Antón pechugón” de autoría propia . A Dirección correu a cargo da monitora Lorena Díaz, e a interpretación a cargo das socias Ester Lorenzo e Olga Rodríguez, que foron despedidas ao remate da súa representación novel con efusivos aplausos das súas compañeiras e convidados.

Concluídas estas actuacións, as máis de oitenta socias, veciños e convidados participantes nesta festa magosteira deron boa conta das castañas asadas, chourizos e lacón asado que a Directiva da Fraga das Saímas tiña preparado para a ocasión.

Esta tarde-noite de festa e de troula rematou pasadas a 1.00 h. da madrugada, despois de que os máis festexeiros estiveran bailando durante máis de dúas horas, sen parar, ao ritmo do grupo musical Dúo Suso das Pontes.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Avelino é un actorazo como a copa dun pino, tiña que triunfar por narices!
Un detalle para as máis festeiras, imposible que fosen as 13.00 da madrugada, non sería a unha da madrugada?

AMMRR "Fraga das Saímas" dijo...

xa tá! moitas moitas graciñas....xa sei que non son perfecta....pero incluso as sabias temos lapsus