A orixe da Igrexa de Sto. André de Boimente fíxase no ano 862, como indica unha inscrición que hai na pena que serve de cimentación ao templo e que está a poucos metros da porta principal.
A igrexa foi reconstruída nos séculos XVI e XX (ano 1929). A comezos do século XXI, entre os anos 2007 e 2008 desenvolveuse un proxecto de rehabilitación integral desta igrexa. Sendo este proxecto impulsado e financiado pola propia comunidade veciñal de Sto. André de Boimente. Actualmente estanse desenvolvendo os traballos de rehabilitación do pórtico anexo á Igrexa. Obra esta última tamén promovida e financiada polas veciñas e veciños de Sto. André.
A fachada principal foi totalmente refeita e dividida en tres tramos por pilastras unidas ao muro. Nos laterais: dúas xanelas enmarcadas por pequenos arcos. No tramo central: porta de arco escarzano e ventá con arco. Remate: con torre-campanario coroada cunha pequena cúpula e ornamentación de pirámides. Aos lados do cruceiro, dúas portas e nos muros laterais, dous contrafortes e ventas enmarcadas con arcos.
O interior do templo consta de nave de cruz latina, cun arco faxón, capela maior con dúas sacristías adosadas a esta e un cruceiro.
Pavimento moderno na capela maior e de pedra na nave e no cruceiro. Teitume moderna.
No prebisterio: retábulo maior de estilo rococó, con figuras de San Lorenzo e San Pedro do século XVIII, no primeiro corpo, e no segundo a figura de Santo André.
A mesa de altar: estilo rococó
Nos brazos do cruceiro: retábulos, tamén de estilo rococó, un adicado á Virxe do Rosario e outro a Dolorosa. E no brazo dereito: camarín do século XVIII con San Xosé.