17.5.10

FRAGA DAS SAÍMAS CELEBRA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS



A ASOCIACIÓN MMRR “FRAGA DAS SAÍMAS” CELEBRA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS COA PROXECCIÓN DA PELÍCULA PRADOLONGO E AGASALLA AOS ASISTENTES CO CD “CANCIÓNS PARA ANTÍA” DO GRUPO FOL DO VENTO.


A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas” ven de organizar días pasados dúas actividades lúdico-culturais con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Así as socias e veciños de San Andrés de Boimente puideron gozar coa proxección da película “Pradolongo”.

A Directiva proxectou este filme galego o pasado sábado 15 de maio, ás 20.00 h., nun dos espazos do Centro Socio-Cultural de San Andrés de Boimente que a Asociación ten habilitado como sá de cinema.

Despois da proxección da película, a Directiva da Fraga das Saímas ofreceulles aos asistentes uns petiscos e churros con chocolate, dos cales todos deron boa conta. Esta agradable velada rematou ás once e media da noite, momento en que a Directiva aproveitou para agasallar ás socias e veciños cun exemplar do CD “Cancións para Antía”, do grupo Fol do Vento, pola súa participaron na celebración do Día das Letras Galegas e co obxecto de que puideran gozar escoitando, xunto ás súas netas e netos, este CD de música en galego para nenas e nenos.

Asimesmo e con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, días pasados, a Directiva enviou como agasallo, aos catro centros de ensino público de primaria do Concello de Viveiro e as ANPAs dos mesmos, dous exemplares do CD “Cancións para Antía” a cada un dos centros e ANPAs, co obxecto de contribuír a preservar o noso patrimonio inmaterial máis prezado e a fomentar o uso desta lingua secular na educación escolar infantil e nas actividades de lecer para os máis pequenos, na crenza de que a música é un dos vehículos transmisores que poden axudar a promocionar e a salvagardar a lingua galega e a dos nosos ancestrais.

No hay comentarios: