19.1.10

OS USUARIOS DA ESTRADA LU-161 SEGUEN CASTIGADOS A CIRCULAR NAS MESMAS CONDICIÓNS DE INSEGURIDADE QUE ESTÁN A PADECER DESDE HAI MÁIS DE 20 ANOS


FRAGA DAS SAÍMAS DENUNCIA QUE A CIRCULACIÓN POLA ESTRADA LU-161 CONTINUA A SER UN PERIGO PARA OS USUARIOS DESTE VIAL, AO SEU PASO POLA PARROQUIA DE SAN ANDRÉS DE BOIMENTE, A PESARES DAS ACTUACIÓNS POR IMPORTE DE 230.840 EUROS ACOMETIDAS POLO SERVIZO PROVINCIAL DE ESTRADAS DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS.


A Directiva da Asociación “Fraga das Saímas” lamenta que os veciños de San Andrés de Boimente e demais usuarios da estrada LU-161 teñan que seguir a sofrir innecesariamente unha situación de perigo e risco, a pesares das recentes obras de parcheo feitas polo Servizo Provincial de Estradas. Á vista dos feitos, parece ser que usuarios da LU-161 seguimos “obrigados e castigados” a circular diariamente nas mesmas condicións de inseguridade que estamos a padecer desde hai máis de 20 anos.


Esta Directiva non entende que as actuacións acometidas a finais do ano 2009 pola Conselllería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na estrada LU-161, incluídas do Plan de Medidas Urxentes contra a Crise e cun presuposto de 230.840 euros non contemplara a erradicación dos puntos negros existentes nesta estrada ao seu paso polas parroquias de San Andrés de Boimente e Chavín e soamente se limitaran á construcción de pequenos tramos de cunetas aplicando un criterio incomprensible, a parchear algún que outro tramo do firme (firme que por outra parte continua con baches) e a repintar o vial unicamente naqueles tramos nos que se parcheou a estrada.


A Directiva da Fraga das Saímas xa presentara unha solicitude ao Servizo Provincial de Estradas de Lugo no mês de xullo de 2009 ao obxecto de que esta administración levara a cabo a instalación de valados de dobre vionda e a sinalización adecuada naqueles puntos máis perigosos, ao seu paso polas parroquias de San Andrés de Boimente e Chavín. Esta mesma solicitude foi remitida novamente en dúas ocasións: vía fax no mês de setembro e vía Subdelegación de goberno no mês de outubro de 2009, despois de preguntar en varias ocasións, ao Servizo Provincial de Estradas de Lugo, pola situación desta petición da Asociación e a vista de que non obtiñan ningunha resposta concreta.


A Directiva da Fraga das Saímas manifesta a súa decepción e o seu malestar ante a falta de resposta oficial por parte da Dirección Xeral de Infraestruras, organismo responsable de ofrecernos aos usuarios desta estrada as mellores condicións posibles de seguranza viaria. Por outra banda, ten que agradecer que non houbera que lamentar ningún accidente mortal nesta estrada durante o terrible temporal de neve de fai dúas semanas, no que nos vimos obrigadas a circular “ao borde do abismo” por unha estrada cuberta de neve e xeo e unhas curvas imposibles que non contan con ningún tipo de sistema de contención.


A Directiva da Fraga das Saímas pide publicamente as autoridades locais do Concello de Viveiro que esixan e reclamen á Dirección Xeral de Infraestruras da Xunta de Galicia tomar medidas, sen máis demoras, que poñan fin ao estado lamentable deste vial pola cal circulamos diariamente as veciñas e veciños de Viveiro.