4.8.15

CELEBRACIÓN DO DÍA DA SOCIA

A participación  na Festa do “ Día da Socia da Fraga das Saímas” superou todas as expectativas do colectivo feminino presidido por Flor Chao.
MÁIS DE 120 PERSOAS ACOMPAÑARON Á ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS “FRAGA DAS SAÍMAS” NA CELEBRACIÓN DA SÚA 7ª EDICIÓN DO “DÍA DA SOCIA”

A Directiva da Asociación Fraga das Saímas ven de organizar este sábado, 1 de agosto, unha sardiñada no refuxio do Candaoso con motivo da celebración da súa VIIª Edición do Día da Socia. 
Un ano máis o colectivo feminino quixo celebrar esta festa da Socia na explanada do curro do Candaoso, por ser un lugar ideal para gozar dunha xornada de convivencia cos seus familiares e amig@s e onde a Fraga das Saímas descansa a súa carón, unha das paraxes máis fermosas e co maior patrimonino natural da contorna.

A preparación da rica sardiñada con cachelos, acompañada de lacón asado, empanadas e chourizos correu a cargo das membros da Directiva acompañadas das súas inestimables e voluntariosas/os socias e amigos que comezaron a preparar esta xornada gastronómica a partires das 12.00 horas. Este gran equipo de voluntarios (Paco, ao fronte das barbacoas, Carmiña, Teresa, Josefina, Tonecho, Sandra, Rosa...)  fixo posible que un ano máis a Sardiñada do Candaoso fora un éxito e que as cento vinta e catro persoas, entre socias, familiares e convidad@s, asistentes á celebración do Día da Socia da Fraga das Saímas gozaran degustando un suculento xantar en compañía dos seus seres querid@s e veciñ@s.

A sesión vermut correu a cargo do Dúo Suso que, mentras ían chegando os invitad@s, animaron a festa coa súa música e as últimas tendencias musicais do verán.

Logo do xantar as socias e os seus acompañantes tiveron ocasión de gastar as calorías inxeridas na sesión de baile amenizada polo Dúo Suso e a súa discoteca móvil. Prolongándose a festa ata perto das 23.00 h. da noite. Ao longo da tarde a Presidenta da asociación Fraga das Saímas agasallou con papaventos, brúxulas e libretas aos asistentes máis pequerrech@s, paralelamente á celebración de dous sorteos sorpresa entre @s convidados, organizados pola Directiva do colectivo feminino, e cuxos premios recaeron nas socias Azucena e Elvita.

Pasadas as 22.30 h. da noite as socias e convidados comezaron a retirarse, non sen antes anotarse máis dunha quincena para participar no roteiro cultural anual “Turisteando por Terras Lucenses” que a asociación está a organizar para a 2ª quincena de setembro.