EXITOSA
ACOLLIDA DAS Iª XORNADAS MICOLÓXICAS E GASTRONÓMICAS DE COGOMELOS ORGANIZADAS
POLO COLECTIVO FRAGA DAS SAÍMAS EN COLABORACIÓN CO ESPAZO AGROECOLÓXICO ESTRUGA
As/os vintecinco participantes destas I Xornadas Micolóxicas déronse cita ás 10.00 horas do sábado 26 de outubro no Centro Socio-cultural de Santo André de Boimente, onde foron recibidos pola Directiva Fraga das Saímas e o Biólogo de Estruga, Marcos Besada. Logo das presentacións a Micóloga e Licenciada en Ciencias Ambientais (Rita Cid) expuxo ao longo de dúas horas as nocións teóricas básicas sobre algunhas das 165 diferentes especies de cogomelos e champiñóns existentes en Galicia, e durante a cal os participantes aproveitaron para facerlle a esta experta toda tipo de preguntas, consultas e curiosidades sobre o mundo da micoloxía.
Rematada a charla o grupo partiu cara aos montes do Buio e Lerín para poñer en práctica o aprendido e coñecer de primeira man a riqueza micolóxica e valor ambiental destes montes veciñais.
Logo de estar recorrendo diferentes vereas dos Montes do Buio ao longo de catro horas, cunha pequena parada para xantar no Refuxio do Candaoso, o grupo de aficionados á Micoloxía voltaron ao Centro Socio-Cultural para, un grupo dos participantes e da man da Micóloga Rita Cid, seleccionar as variedades recollidas e montar unha pequena exposición cos exemplares recolectados e outro grupo, da man do Biólogo Marcos Besada, proceder á limpeza e preparación de diferentes pratos de cociña preparados a base de boletus edulis, Macrolepiotas, Cantarelas e Boletus Bayo, para a degustación culinaria que pechou con grande éxito e satisfacción por parte dos asistentes ás I Xornadas Micolóxicas organizadas polo colectivo de mulleres de Sto. André de Boimente, as cales aproveitaron para emplazar a todos a unha vindeira edición no outono do 2014.

Xa para rematar, dicir que a nota
discordante do día púxoa a presenza de certos grupos de persoas nos Montes do
Buio cuxo único propósito non é outro que a especulación e comercialización das
setas, co conseguinte expolio por parte destes foráneos que veñen a facer
negocio cos cogomelos, facendo uso indebido dos montes da comunidade veciñal de
San Andrés de Boimente e co argumento demagóxico de que o monte é de todos, co conseguinte total desprezo aos comuneiras e comuneiros dos montes veciñais
que lles solicitan explicacións dos seus actos, créndose ademais que os amparan
todos os seus dereitos individuais para invadir e expoliar os montes con total
impunidade.
A Directiva Fraga das Saímas
congratúlase e da a benvida a todas as
persoas amantes da natureza e aficionados á micoloxía que veñen a gozar dun
xeito respetuoso dos montes do Buio e aproveitan para recoller cogomelos para o
seu autoconsumo e anímanos a seguir visitando as fermosas paraxes que conforman
estes montes, mais expresan o seu profundo malestar e rexeitamento contra a
recollida incontrolada de cogomelos con fins puramente comerciais, cousa que,
desgrazadamente, está a acontecer nos últimos anos nos seus montes veciñais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario