CLAUSURA DA EXPERIENCIA PILOTO DE FABRICACIÓN DE ABONO NATURAL, A TRAVÉS DA
COMPOSTAXE CASEIRA, POSTA EN MARCHA NO MES DE FEBREIRO POLA ASOCIACIÓN FRAGA
DAS SAÍMAS
O Centro Socio Cultural de Santo André de Boimente acolleu
esta fin de semana ás participantes no proxecto experimental do colectivo Fraga
das Saímas “Compostaxe Caseira”. Este encontro tivo lugar co fin de desenvolver
a IIIª e última Fase deste proxecto de sensibilización e concienciación
medioambiental posto a andar pola asociación de mulleres no mês de febreiro.
Esta última
fase deu comezo ás cinco da tarde cunha charla da Coordinadora de Programas de
Compostaxe de Adega, María Rguez Lafuente, sobre “como diminuir o arsenal químico das nosas vidas”. O obxectivo desta
charla era nin máis nin menos que as
presentes tomaran conciencia da multitude de produtos de alta toxicidade que se
empregan nos fogares modernos e a grande cantidade de residuos que xeran a súa
fabricación e embalaxe. Lafuente recalcou que o perigo non só está ter nos
fogares este auténtico arsenal químico senón tamén en que estes produtos rematan
nos sumidoiros das casas e nas estacións depuradoras, que non poden tratalos, e
polo que rematan entrando directamente no ciclo da auga, co consecuente
prexuízo para a saúde de todas e todos.
Logo dunha hora de debate e de práctica impartida
sobre as múltiples fórmulas caseiras para facer limpadores ecolóxicos para o
fogar ( para os fornos, para a colada, insecticidas, para o distinxido das
prendas, para a colada, para as manchas, para a limpeza de mobles....) e unha
vez elaborado, por parte de todas as alumnas, un Ecolimpo
para a limpeza dos chans e os cristais, as participantes acompañadas pola monitora comezaron a visita dos
composteiros obxecto de seguimento polo composteiro artesanal e comunal, sito
ao pé do Centro Socio-Cultural de Santo André de Boimente.
Tra-las visitas aos composteiros ubicados nas
parroquias de Santo André de Boimente, Chavín e Vieiro, a Técnica Lafuente
deulles as últimas indicacións ás usuarias dos composteiros para a correcta
extracción do abono orgánico obtido e procedeu á entrega de diplomas de
“Mestras Composteiras”. Durante o acto de clausura Lafuente aproveitou para
felicitar a todas as participantes no programa de compostaxe e á Asociación
Fraga das Saímas pola súa clara e constante aposta por iniciativas de
sensibilización e concienciación medioambiental. A presidenta pechou o acto
agradecendo a implicación das alumnas neste proxecto e asegurou que o colectivo
Fraga das Saímas “...seguiría a traballar
pola mellora do Medio Natural, o uso racional dos seus recursos e a aposta por
un rural vivo respectuoso e comprometido coa natureza...”
A secretaria do colectivo de mulleres aproveitou para recordarlles
ás asistentes a esta xornada que ven de abrirse o prazo de inscrición para
participar nas Iª Xornadas Micolóxicas e Gastrónomicas de Cogomelos no Buio,
organizados pola asociación Fraga das Saímas, coa colaboración de Estruga, e
que vai ter lugar o sábado 26 de outubro de 2013 de 10.00 a 22.00 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario