23.9.13

TURISTEANDO POR TERRAS LUCENSES-2013 (DA PONTENOVA A RIBADEO)



MÁIS DE MEDIO CENTO DE PERSOAS APUNTÁRONSE ESTA FIN DE SEMANA PARA “TURISTEAR POR TERRAS LUCENSES-2013” CO COLECTIVO “FRAGA DAS SAÍMAS”


A Directiva “Fraga das Saímas” ven de organizar esta fin de semana a segunda  viaxe do proxecto Turisteando por Terras Lucenses-2013” que puxo en marcha hai un ano este colectivo co obxecto de redescubrir a beleza do patrimonio cultural, histórico e industrial, así como para contribuír a poñer en valor a riqueza dos recursos naturais da provincia lucense e ao mesmo tempo potenciar o coñecemento das actividades artesanais, empresariais e lúdico-culturais desenvoltas por toda a xeografía lucense.

A primeira parada deste grupo de viaxeiras/os foi  nas Terras de Miranda para coñecer o rico patrimonio do concello da Pontenova. Concello  no que visitaron o seu famoso Santuario de Santa María de Conforto e o  Museo de Arte Sacro que inauguraron  no ano 2000 e onde se conserva unha variada e rica colección de pezas de arte sacro composta por vestiario litúrxico, platería, imaxinería, pinturas relixiosas e unha biblioteca dotada con máis de 200 libros de temática relixiosos. 

De volta ao casco urbano da Pontenova, o grupo paseou á beira do río Eo ata achegarse ao obradoiro  fundado no ano 1951  da Carpintería Alejandro, onde  tiveron a ocasión de ver unha demostración detallada do funcionamento deste obradoiro no que se restauran mobles antigos e reproducións de época. Rematada esta visita os excursionistas achegáronse ata a Sá de Exposicións da oficina de turismo da Pontenova para coñecer a través da exposición permanente de fotografías antigas a historia das Minas de Vilaoudriz e os Fornos da Pontenova, un dos exemplos do patrimonio industrial máis monumentais e mellor conservados que coñecemos en todo o estado español. 

 
Logo de disfrutar dun xantar  ben merecido no Restaurante Briz o grupo de viaxeiras/os puxeron rumbo ao concello de Ribadeo, onde os esperaba o Albatros V para gozar dun percorrido pola Ría nunha espléndida tarde  e nun marco incomparable para despedir o verán. 
 
Feita esta pequena incursión marítima desprazáronse no bus para visitar, da man da guía turística Naomi,  o famoso Cargadoiro de minerais, hoxe Mirador e achegáronse durante o atardecer á Illa Pancha e ao Monte de Santa Cruz para admirar a beleza da paisaxe e gozar das imponentes vistas á ría de Ribadeo


Antes de dar por finalizada a estancia nesta sorprendente cidade, Naomi  sorprendeunos cunha ruta turística nocturna polas distintas zonas do casco histórico de Ribadeo,  durante a cal as viaxeiras/os tiveron a oportunidade de coñecer diferentes aspectos da  historia da cidade e dos seus edicificios máis emblemáticos, como son o Pazo de Ibáñez, a Torre dos Moreno e a Igrexa de Sta. María do Campo.
 
A Directiva agradece aos seus compañeiros de viaxe a súa participación nesta iniciativa e aproveita para recordarlles ás súas socias que o vindeiro sábado, 28 de setembro, a partir das 17.00 horas, terá lugar a IIIª e última fase do proxecto piloto de compostaxe caseira.

No hay comentarios: