11.3.13

CELEBRACIÓN DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


“...demandamos dos poderes públicos, dos partidos políticos e de todos os gobernos medidas correctoras na aplicación daquelas políticas que implican un retroceso en dereitos e conquistas sociais e unha clara aposta pola igualdade efectiva entre homes e mulleres e reclamamos que, tanto os gobernos como a propia cidadanía, adopten o compromiso real de cambiar a marxinación, a exclusión, o asasinato e a violencia machista pola conquista dunha sociedade máis xusta e igualitaria..” Así remataba a Presidenta do colectivo Fraga das Saímas a lectura do Manifesto  da asociación de mulleres que preside.

O GRUPO CORUÑES “DÚO ROSAS” ENCANDILOU COA INTERPRETACIÓN DO SEU ÚLTIMO TRABALLO MUSICAL “ROSAS PARA GALICIA” AO PÚBLICO ASISTENTE AO CONCERTO ORGANIZADO POLO COLECTIVO FRAGA DAS SAÍMAS CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO “DÍA INTERNACIONAL DA MULLER”

O Centro Socio Cultural de Santo André de Boimente acolleu esta fin de semana un concerto organizado polo colectivo de mulleres Fraga das Saímas con motivo da celebración dos actos conmemorativos e reivindicativos no Día Internacional da Muller.

Os actos deron comezo ás 18.00 horas coa lectura do Manifesto da Asociación de Mulleres Rurais Fraga das Saímas a cargo da súa Presidenta. Durante a intervención de Flor Chao puxo especial énfase en que “ ..seguen permanecendo os tres grandes furados negros da desigualdade entre o home e a muller: a violencia machista e o asasinato de mulleres, derivado dun sustrato cultural machista e misóxino que non aceptan nin recoñece ás mulleres como seres equivalentes, a feminización do paro e a súa exclusión social e a infrarepresentación da muller nos órganos de decisión política, económica e social ou cultural...”

Logo da lectura deste Manifesto, os asistentes tiveron a ocasión de gozar, ao longo dunha hora, dun extraordinario e personalísimo concerto a cargo do Dúo Rosas, integrado pola bandurrista coruñesa, Julia Dopico e o guitarrista arxentino Daniel, durante o cal interpretaron o seu último traballo musical “ Rosas para Galicia”.

Este traballo musical estivo acompañado dunha montaxe visual, cuxo repertorio estivo integrado por cancións populares de Galicia, versionadas para bandurria e guitarra e enriquecidas con arranxos propios que dan calor e cor as obras.

Durante este concerto interpretaronse obras dos nosos compositores históricos, cuxos versos foron desgranados pola cálida e profunda voz do profesor José Luis Mera, declamando sobre a base musical textos de Curros e Rosalía, e aproveitando tamén para dedicarlles a todas as mulleres presentes a popular canción escrita por Castelao: Lela.

Logo de rematar o acto central, a Directiva ofreceulles as/os asistentes pinchos, refrescos e cafés.

Para poñer o punto e final a este día adicado á Muller, doce socias do colectivo Fraga das Saímas desprazáronse ata o restaurente Louzao para compartir cea e baile con de perto de 400 mulleres da Mariña.

A Directiva agradece ás socias, familiares e convidados que participaron nestes actos de homenaxe e    reinvindicación no Día da Muller e espera que os avances en materia de igualdade real da Muller fagan posible celebrar este Día todos os 365 días do ano.