24.9.10

CLAUSURA DO CURSO DE CESTERÍA IMPARTIDO POR PROFESIONAIS DO CENTRO DE ARTESANÍA E DESEÑO DE LUGO

A Asociación Fraga das Saímas aposta por recuperar e preservar os oficios tradicionais que conforman o extenso patrimonio artesanal galego.

A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas”, en colaboración co Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, ven de organizar, no seu Centro Socio-Cultural, un curso de Cestería tradicional de 10 horas de duración, no que participaron máis de vinte alumnas.

Un dos obxectivos principais que se persegue, desde a Asociación, con este tipo de iniciativas é contribuír a impulsar a recuperación, a conservación e o mantemento dos ofícios tradicionais do noso país, como é a cestería neste caso, e que conforma o rico patrimonio artesanal de Galicia.

Este curso, dividido en dous grupos dunhas 10 alumnas cada un, acolleu a vinte e unha alumnas que ao longo de tres xornadas formativas (14, 17 e 21 de setembro) aprenderon da man de dúas profesionais do Centro de Artesanía de Lugo a confeccionar diferentes tipos de cestas, servilleteiros e botelleiros, entre outros, empregando médula de roten, pranta de orixe asiático que pola súa versatilidade facilita o seu manexo entre as participantes para aprender as técnicas básicas do oficio de cestería.

A clausura do curso de cestería, celebrada o pasado 21 de setembro ás 19.00h no Centro Socio-Cultural de San Andrés, estivo a cargo da Presidenta da Asociación Fraga das Saímas. Durante o acto Flor Chao agradeceu o apoio recibido polo Centro de Artesanía e Deseño de Lugo para a realización deste taller e destacou o enorme interese suscitado entre as súas socias por estas xornadas formativas, suliñando tamén o componente social que supón a posta en práctica deste tipo de actividades, posto que ademais da formación que adquiren as alumnas, a moitas delas, ábreselles a oportunidade de compartir un espazo común que facilita as interrelacións persoais. O acto de clausura pechouse coa entrega duns agasallos ás monitoras do curso, María e Carmen, por parte das alumnas, como mostra de cariño e felicitación pola súa profesionalidade.