20.7.09

RECLAMACIÓN DUNHA MAIOR SEGURANZA VIARIA NA ESTRADA LU-161


A ASOCIACIÓN MMRR “FRAGA DAS SAÍMAS SOLICITA AO SERVIZO PROVINCIAL DE ESTRADAS DA DIRECCIÓN XERAL DE INFRAESTRURAS A INSTALACIÓN DE VALADOS DE DOBRE BIONDA NA ESTRADA LU-161 AO SEU PASO POR SAN ANDRÉS DE BOIMENTE E CHAVÍN.

A Directiva da AMMRR “Fraga das Saímas” acordou nunha reunión mantida a semana pasada solicitar á Dirección Xeral de Infraestruturas da Xunta de Galicia a colocación de sistemas homologados de contención para vehículos na estrada LU-161, ao seu paso pola parroquia de San Andrés e Chavín, onde existen numerosas curvas perigosas, así como tamén unha sinalización adecuada neses puntos negros para ofrecer unha maior seguridade aos usuarios de todo tipo de vehículos e en especial aos motociclistas, veciños de San Andrés e de todo o contorno que están a circular diariamente por esa estrada.

A principal vía de comunicación que atravesa a parroquia de San Andrés é a estrada LU-161. Nesta estrada de escasa anchura e sen beiravía, desde hai anos, as veciñas e veciños de San Andrés son testemuñas de numerosos accidentes que veñen sufrindo os usuarios desta estrada debido, fundamentalmente, a que ao seu paso pola parroquia de San Andrés e Chavín, existen puntos especialmente sensibles para a circulación, con curvas perigosas, sen visibilidade, con desniveis moi pronunciados e sen ningún sistema de contención para vehículos.

As membros da Xunta Directiva desta asociación, que está a traballar desde a súa creación non só en programas de ámbito social e cultural senón que entre as súas fins está tamén a participación activa na busca de solucións a problemas, carencias e necesidades existentes no seu ámbito parroquial, consideran que adecuar as infraestruturas, erradicar os puntos negros, mellora-las condicións dos vehículos e mellora-la seguranza viaria son medidas básicas para evitar o incremento de accidentes, posto que aínda que os accidentes non son previsibles si se poden previr e por isto acordaron na reunión, celebrada o pasado 10 de xullo, solicitar a colaboración da Administración Autonómica, xa que entenden que é a súa responsabilidade a de ofrecer aos cidadáns as mellores condicións de seguranza viaria.